Jay & The Smoking Machines inauguran os Solpores da Rebullón: once
concertos ao aire libre en xullo e agosto
• O ciclo comeza este mércores 1 de xullo, ás 21 horas, co enérxico rock con raíces blues dos redondeláns Jay & The Smoking Machines
• Os Solpores da Rebullón son concertos estivais no escenario exterior do CSCD As Pedriñas, con acceso polo sistema de billeteira inversa
Mos, 30 de xuño de 2026.- Chega o verán e regresan os Solpores da Rebullón: o xa tradicional ciclo de concertos ao aire libre, a última hora da tarde, no exterior do centro sociocultural As Pedriñas, organizado pola Comunidade de Montes de Tameiga.
Este ano, os Solpores medran. Once citas, trece grupos distintos e todos os estilos no escenario exterior nos meses de xullo e agosto, con directos todas as semanas, sempre en pleno solpor e co sistema de billeteira inversa, no que o público abona ao remate o prezo que considere xusto polo espectáculo que acaba de presenciar.
O primeiro concerto corre a cargo de Jay & The Smoking Machines, este mércores, primeiro de xullo, a partir das 21 horas. Os de Redondela van camiño de converterse en clásicos da escena rock & roll local, pola súa enerxía en directo e raíces no mellor blues. A banda editou o pasado ano o seu primeiro e agardado álbum: “Evil Eye”. Do grupo sobresaen as súas liñas de baixo con alma, as guitarras bárbaras e dúas voces clamorosas, entre elas, a de Jay Mesker.
Jay (Jeroen Mesker) é un cantante de blues de Amsterdam que, despois de 25 anos xogando na escena do rock&roll, decidiu que era a hora de preparar a maleta, comprar unha furgo vella e emprender a viaxe. Mentres divaga por Europa, Jay remata a viaxe en Galicia. É aquí onde atopa a Alberto López y Luí Perez. Cando eles engánchanse a tocar xuntos, encandílanse pola dinámica. Parece que levan tocando xuntos pola vida enteira. Entón decidiron formar esta banda con Redondela como base.
JAY & THE SMOKING MACHINES
Solpores 2026
Jay & The Smoking Machines inauguran este mércores os Solpores deste ano, que suman datas e bandas con respecto ao ano anterior, mantendo a mesma experiencia compartida de directos ao aire libre nun espazo fermoso e cómodo.
O próximo Solpor estará protagonizado por AMARAMAR, o xoves 9 ás 21 horas, unha proposta musical rock indie con aires mariñeiros, unha sonoridade cálida e un ton emocional perfecto para os Solpores. A seguinte semana, dous directos, ambos, ás 21 horas: o mércores 15, o son mordente e festivo de Zapoitxo!, chegados desde Euskadi, e ao día seguinte, o xoves 16, o hyperpop en galego de Filloas, para non deixar de bailar.
E o ciclo continúa con espectáculos cada semana ata rematar o mes de agosto. Este é a programación completa:
• Mércores, 1 de xullo: JAY & THE SMOKING MACHINES
• Xoves, 9 de xullo: AMARAMAR
• Mércores, 15 de xullo: ZAPOITXO!
• Xoves, 16 de xullo: FILLOAS
• Xoves, 23 de xullo: KARMA ANIMAL + 6LE
• Xoves, 30 de xullo: GUADA
• Xoves, 6 de agosto: LENI PEREZ & SEKADRA
• Mércores, 12 de agosto: ECLIPSOUND
• Xoves, 13 de agosto: CHOP CHOP
• Xoves, 20 de agosto: EXERIA
• Xoves, 27 de agosto: DO ROXO PRESBIÇIAN.
AMARAMAR
ZAPOITXO!
A sala Rebullón
Xestionada pola Comunidade de Montes de Tameiga, a sala Rebullón converteuse nunha referencia para os espectáculos escénicos e musicais en Galicia desde a súa inauguración no ano 2017. Desde entón, alzouse con dous premios Martín Códax da Música á mellor sala de concertos, no 2023 e no 2025, segundo a votación dos socios e socias de Músicas ao Vivo.
A Rebullón é un proxecto cultural centrado fundamentalmente nos concertos, pero no que tamén se programan sesións de cinema, danza ou teatro, conferencias, actividades infantís ou presentacións de libros. A súa versatilidade é unha das principais características deste espazo, configurado e definido por técnicos profesionais para lograr unha acústica e funcionalidade apta para acoller ao mellor da escena cultural galega.
A Comunidade de Montes de Tameiga
A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tameiga (Mos) é unha entidade sen ánimo de lucro conformada por máis de 400 familias que xestiona actualmente 90 hectáreas de superficie forestal veciñal para conseguir beneficios medioambientais, sociais
e económicos para a poboación. O seu obxectivo principal é a defensa e protección do patrimonio común.
Xestiona os recursos acuíferos do territorio en beneficio da veciñanza comuneira e dispón dunha comunidade enerxética que reparte 350 pedidos anuais de 3 m3 de biomasa cada un, a prezo de custe. Ademais, a entidade é titular dun viveiro de empresas e do polígono industrial de Monte Faquiña, con 20 naves industriais, que conta con instalacións fotovoltaicas que permiten un autoconsumo individual, abaratando os custes de produción
e mellorando a competitividade das empresas.
Por outra banda, a Comunidade de Montes de Tameiga desenvolve unha intensa actividade sociocultural, a través da organización do festival infantil Miúdo Fest e da programación do Centro Sociocultural As Pedriñas e da Sala Rebullón. Tamén colabora con organizacións deportivas, educativas e sociais do municipio.
En cumprimiento do disposto na Lei Protección de Datos, para o exercicio dos seus dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ao tratamento dos seus datos personais, contidos nas nosas condicións de protección de datos, só ten que responder a este e-mail indicando o seu email no asunto, ou ben a través do envío de un correo ordinario a la dirección: Avd. Rebullón 23. Se desexa darse de baixa tamén pode premer aquí.