logosMonteSala.png

Noite de rock local e decibelios con Doroxo Presbiçian e The Sexy Lefties

    • De Mos e do Porriño, Doroxo Presbiçian e The Sexy Lefties suben o volume da Rebullón este venres 16, ás 22 h, por billeteira inversa
 
    • E o domingo ás 19 h, “A conspiración da piolla” do grupo de teatro Tiruleque, do Carballiño, unha comedia para todos os públicos

Mos, 14 de octubre de 2026.- Fin de semana de cultura galega na sala Rebullón. Este venres, dúas bandas locais que honran o mellor rock desde Mos e O Porriño respectivamente: Doroxo Presbiçian e The Sexy Lefties, este venres 16, ás 22 horas, con acceso por billeteira inversa, entrada de balde e pago á saída da cantidade que se considere xusta polo espectáculo.
 
Doroxo Presbiçian arrancou motores en Mos hai cinco anos e, desde entón, vén construíndo un son único, mestura de honestidade e lírica existencial. O grupo recorda ao grunge dos noventa, rock urbano contundente con carga emocional. Nas letras, tocan temas como a crítica social, a frustración contemporánea e a necesidade de autencidade nun mundo saturado de ruido e apariencias. En directo, o rock de Doroxo Presbiçian soa como un verdadeiro ciclón. 
 
A banda está formada por Kami paz (guitarra), Poli Arjones (baixo), Koki Perghiza (guitarra), Berto Ares (batería) e Chechi Cajanitxo (voz). Nestes cinco anos de traxectoria, compartiron escenario con Seitura, Santi Campillo, Toñito de Poi ou Sustanciados, entre outros. O ano pasado xiraron por Extremadura, actuaron tamén en Andalucía e editaron o seu primeiro E.P., “bla, bla, bla”, abrindo camiño para gravar o seu agardado primeiro disco. 
 
Pola súa banda, The Sexy Lefties chegan desde O Porriño cargados de enerxía para redondear a noite rockeira do venres na sala Rebullón. O grupo decidiu poñerlle un nome literal ao seu maior superpoder: ser zurdos. Iván, Sebastián, Pedro, Phil e Noelia veñen do berce do metal e do hard rock, estilos desde os que viraron cara ao soul, o blues e o funk, mostra da súa versatilidade. Agora, The Sexy Lefties traballan en temas propios e algunhas versións cos que prevén dar forma ao seu primeiro traballo discográfico. 
 

DOROXO PRESBIÇIAN

Tiruleque grupo de teatro
 
O domingo continúe o ciclo de teatro Fegatea cunha nova representación na sala Rebullón, desta volta da man do grupo Tiruleque, veteráns da escena con corenta anos de traxectoria. Os do Carballiño presentarán unha comedia apta para todos os públicos: “A conspiración da piolla”, este domingo ás 17 horas, con acceso por sistema de billeteira inversa. 
 
A trama sitúase nun país imaxinario, mais na época actual. Un comando contrario ao réxime existente maquina atentar contra o tirano que goberna o país. Toda a acción desenvólvese nun “piso franco” onde se está a montar unha bomba, ata que entre os conspiradores xorden diferencias, posibilidades, intrigas e loitas de poder. Unha comedia explosiva na que, por sorte, o autor do texto é partidario de que sempre perdan os malos. 

TIRULEQUE

 
A sala Rebullón
Xestionada pola Comunidade de Montes de Tameiga, a sala Rebullón converteuse nunha referencia para os espectáculos escénicos e musicais en Galicia desde a súa inauguración no ano 2017. Desde entón, alzouse con dous premios Martín Códax da Música á mellor sala de concertos, no 2023 e no 2025, segundo a votación dos socios e socias de Músicas ao Vivo.  
 
A Rebullón é un proxecto cultural centrado fundamentalmente nos concertos, pero no que tamén se programan sesións de cinema, danza ou teatro, conferencias, actividades infantís ou presentacións de libros. A súa  versatilidade é unha das principais características deste espazo, configurado e definido por técnicos profesionais para lograr unha acústica e funcionalidade apta para acoller ao mellor da escena cultural galega.
 
A Comunidade de Montes de Tameiga
A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tameiga (Mos) é unha entidade sen ánimo de lucro conformada por máis de 400 familias que xestiona actualmente 90 hectáreas de superficie forestal veciñal para conseguir beneficios medioambientais, sociais e económicos para a poboación. O seu obxectivo principal é a defensa e protección do patrimonio común.  
 
Xestiona os recursos acuíferos do territorio en beneficio da veciñanza comuneira e dispón dunha comunidade enerxética que reparte 350 pedidos anuais de 3 m3 de biomasa cada un, a prezo de custe. Ademais, a entidade é titular dun viveiro de empresas e do polígono industrial de Monte Faquiña, con 20 naves industriais, que conta con instalacións fotovoltaicas que permiten un autoconsumo individual, abaratando os custes de produción e mellorando a competitividade das empresas.
 
Por outra banda, a Comunidade de Montes de Tameiga desenvolve unha intensa actividade sociocultural, a través da organización do festival infantil Miúdo Fest e da programación do Centro Sociocultural As Pedriñas e da Sala Rebullón. Tamén colabora con organizacións deportivas, educativas e sociais do municipio.