logosMonteSala.png

A Sala Rebullón celebra este venres o “Día da Música” cun concerto de A Pedreira

  • Premio da Crítica 2022 en música, A Pedreira vén de alzarse no 2025 co Martín Códax na categoría de “canción de autora” co seu novo traballo: “Basal”
     

  • Chega á Rebullón cunha aposta contundente e poderosa, acompañada dunha banda espectacular e coa gran Uxía como convidada especial


  • O concerto terá lugar este venres ás 22 horas, con entradas desde 7 €, co apoio de INAEM e a Asociación Estatal de Salas de Concertos

Mos, 18 de novembro de 2025.- O Día Internacional da Música é unha data para celebrar e a Sala Rebullón programa un concerto moi especial da premiada artista A Pedreira, que vén co seu novo espectáculo “Basal”, e unha convidada igual de especial: Uxía. O evento terá lugar este venres 21, a partir das 22 horas, con entradas á venda online desde 7 euros en anticipada (máis gastos de xestión) ou 10 euros na billeteira.

 

O concerto de “Basal” de A Pedreira naceu nun teatro, baixo a bandeira da inclusión e a diversidade, e converteuse nun ente vivo e cambiante, capaz de embelsar tanto o Festival de Sines de Músicas do Mundo como un concerto sorpresa do rural galego. E vai presentarse na Rebullón acompañada dunha gran banda: a ferrolana Lorena Cachito na batería, o jazz do cubano Alejandro Vargas nos sintetizadores e a guitarra multiversátil de Mauricio Caruso.

 

A súa proposta non deixa de colleitar recoñecementos. Foi merecedora do premio Martín Códax da Música Galega 2025 na categoría de “canción de autora”, nominada ao Mellor Álbum Galego nos premios da Música Independiente (MIN) e tamén nominada ao Mellor Álbum Folclórico nos Premios da Academia de España. “Basal” é considerado pola revista Diariofolk como un dos mellores discos de 2024 e sinalado como mellor álbum galego do 2025 polo programa de radio O Recanto do Corcovado.

 

O público que acuda á Rebullón poderá gozar da combinación única de estilos e xéneros que propón A Pedreira, cunhas mensaxes agudas e poéticas e unha expresión artística arrebatadora sobre o escenario. Precisamente o público destaca de “Basal” o seu ton liberador e necesario, unha experiencia libre, segura, sana para bailar, cantar e berrar, unha celebración da vida perfecta para conmemorar o Día Internacional da Música.

 

Este concerto conta co apoio do Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música (INAEM) e da Asociación Estatal de Salas de Concertos.

PEDREIRA.png