FESTA DE SAN XOÁN
Como xa é tradición, a Comunidade de Montes de Tameiga vai celebrar por todo o alto a noite do 23 de xuño, luns, con actividades infantís, fogueiras, música e comida nas Pedriñas.
Un plan para todos e todas, de todas as idades, con acceso de balde e comezo ás 19 horas. Tameiga programa actividades infantís para divertir á rapazada, chouripáns e música tradicional a cargo de Zaragateiras e Darach para pasar un bo rato á espera do prato forte: as fogueiras.
No musical, Zaragateiras son un clásico nas Pedriñas, pandeiretas, canto e o mellor da nosa música. Por outra banda, Darach é un dúo formado polo violín do escocés Roo Geddes e a guitarra do galego Hugo Franco, recentemente gañador do Danny Kyle Award no Festival Celtic Connections de Glasgow. Darach fusiona as tradicións de Galicia e Escocia con influencias de jazz e música clásica, unha proposta que vai máis aló das melodías tradicionais e conecta o pasado e o presente.
|
|
KORNOJ
A fin de semana chega intensa a Tameiga. Ademais de Saurom e a noite de San Xoan, o domingo 22 a Rebullón acolle a estrea dun novo proxecto musical galego chamado a acadar cotas ben altas: Kornoj.
Detrás deste nome atopamos a dous músicos con máis de 25 anos subidos a escenarios nacionais e internacionais. Chuchi Cuadrado (guitarra e coros) e Xela ConFer (voz, percusións, frautas…) forman KORNOJ (cornoi), palabra que, en esperanto, significa cornamenta. Con este nome fan a súa definición alegórica do concepto de “tradición” que, como ás cornas dos cervos que en primavera caen para formar outras novas e diferentes, tamén muda constantemente co paso do tempo. Unha riqueza que nunca se esgota, que alimenta a cultura e a fai medrar.
O repertorio deste singular dúo son músicas populares de aquí e alá, desde a meseta ata o atlántico, con letras compostas para a ocasión e facendo amalgamas con xéneros diversos e outras latitudes.
KORNOJ fará a súa estrea na sala Rebullón, este domingo 22 ás 21:30 horas, con entradas desde 8 euros en anticipada, á venda online e na cantina das Pedriñas, e 10 euros na porta.
|
|
NISSAN MUSIC FESTIVAL
Este venres 20, desde ás 18:30 horas, a sala acolle o Nissan Music Festival, un festival organizado por rapazada do IES de Mos, e que mestura artes e estilos.
Comezará cun exhibición aberta do grupo de danza da Escola de Baile Bambalina e, ás 19 horas, continuará coa actuación de Sheila Patricia, unha das grandes voces da folktrónica galega. A continuación, dous referentes indiscutibles da nosa música, que non necesitan presentación, unidos nun novo e emocionante proxecto, Uxía Senlle & Pablo Novoa.
O festival continuará co talento de WTF Laritaaa, artista emerxente de Tui que toca tanto o indie rock como o RnB ou o trap, para a continuación pechar a noite por todo o alto co set que ten preparado DJ Fagas.
As entradas para o Nissan Music Festival están á venda desde 7 euros en anticipada, na cantina do CSCD As Pedriñas, na panadería Pereira (Petelos, Mos) ou a través do instagram do evento, ou 9 euros na billeteira.
|
|
A sala Rebullón
Xestionada pola Comunidade de Montes de Tameiga, a sala Rebullón converteuse nunha referencia para os espectáculos escénicos e musicais en Galicia desde a súa inauguración no ano 2017. Alzouse co Premio Martín Códax da Música 2023 á mellor sala de concertos, segundo a votación dos socios e socias de Músicas ao Vivo.
A Rebullón é un proxecto cultural centrado fundamentalmente nos concertos, pero no que tamén se programan sesións de cinema, danza ou teatro, conferencias, actividades infantís ou presentacións de libros. A súa versatilidade é unha das principais características deste espazo, configurado e definido por técnicos profesionais para lograr unha acústica e funcionalidade apta para acoller ao mellor da escena cultural galega.
A Comunidade de Montes de Tameiga
A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tameiga (Mos) é unha entidade sen ánimo de lucro conformada por máis de 400 familias que xestiona actualmente 90 hectáreas de superficie forestal veciñal para conseguir beneficios medioambientais, sociais e económicos para a poboación. O seu obxectivo principal é a defensa e protección do patrimonio común.
Xestiona os recursos acuíferos do territorio en beneficio da veciñanza comuneira e dispón dunha comunidade enerxética que reparte 350 pedidos anuais de 3 m3 de biomasa cada un, a prezo de custe. Ademais, a entidade é titular dun viveiro de empresas e do polígono industrial de Monte Faquiña, con 20 naves industriais, que conta con instalacións fotovoltaicas que permiten un autoconsumo individual, abaratando os custes de produción e mellorando a competitividade das empresas.
Por outra banda, a Comunidade de Montes de Tameiga desenvolve unha intensa actividade sociocultural, a través da organización do festival infantil Miúdo Fest e da programación do Centro Sociocultural As Pedriñas e da Sala Rebullón. Tamén colabora con organizacións deportivas, educativas e sociais do municipio.
|
|
|
|