logosMonteSala.png

Sun Iou, a última revelación do rock&roll en galego, presenta na Rebullón o seu segundo traballo: “Egos”

   • Os de Teis (Vigo) –que debutaron hai dous anos con “Ágora”– dan un salto cualitativo cara a consolidación definitiva co seu novo disco
    • O concerto de presentación de “Egos” será este sábado 21, ás 21 horas, desde só 10 euros, con Barbitúricos e DJ Bolachas 

Mos, 18 de febreiro de 2026.- Con “Egos”, a banda viguesa Sun Iou logra confirmarse como a nova esperanza do rock&roll en galego, un traballo no que progresan tanto a nivel musical como lírico, un disco con espírito colectivo fronte a unha sociedade cada vez máis individualista.
 
Logo de saltar á escena hai dous anos con “Ágora”, o seu segundo disco ve por fin a luz e será presentado este sábado 21 na Sala Rebullón, ás 21 horas, con entradas desde 10 euros en anticipada –12 na billeteira–, á venda na propia cantina do CSCD As Pedriñas. Ademais, Sun Iou redondea a festa do sábado cos composteláns Barbitúricos e DJ Bolachas como artistas convidados. 
 
“Egos” representa todo un salto adiante para Sun Iou. Musicalmente, a banda explora sons rock e punk combinados con voces femininas, gaitas e guitarreo; mentres que, a nivel conceptual, o disco foi concibido de forma coral, colectiva, como contraposición ao narcisismo e a individualidade que padece a sociedade. 
 
Fronte a esta realidade, e como amosan tamén nos seus directos, o grupo pon o foco na comunidade e na forza do colectivo, unha resposta xurdida da beleza, a complicidade e a celebración colectiva. “Egos” fala de como as apariencias e a individualidade excesiva erosionan o vínculo social e a empatía, e cos seus oito artistas sobre o escenario, reivindican que cantar xuntas pode ser un acto político e afectivo. 
 
Este sábado na Rebullón, Sun Iou amosará que a banda chegou para quedarse, cun espectáculo festivo, colectivo e vibrante para o público, que servirá de posta de largo do seu agardado segundo disco, “Egos”. 
 
Xunto a Sun Iou estarán en Tameiga os composteláns Barbitúricos, “catro tipos especialistas en pechar bares e coñecedores dos mecanismos do punk-rock dende os tempos en que Joe Strummer fixo a primeira comunión”. A banda de punk rock e post punk fan gala de directos moi potentes e intensos para a audiencia. 
 
Xurxo Pinheiro (Xenreira, Malandrómeda), Vituco Neira (ruxe ruxe, Malabesta), Fidel Vázquez (El último vicio) e Iago Jorge (Paulinha, ruxe ruxe) encarnan este proxecto cargado de calidade, elegancia sonora e bo gusto. Ademais agora nun formato medio acústico, medio eléctrico, levando aos escenarios as súas cancións atemporais, cargadas de lirismo maldito e melodías “máis pegañentas que unha bolsa de caramelos no peto dunha chaqueta ao sol”. 
 
Xunto a Barbitúricos, pechará a xornada DJ Bolachas, facendo da noite do sábado unha festa coral ao mellor rock xestado en Galicia. O espectáculo, este sábado 21 na sala Rebullón, ás 21 horas, con entradas desde 10 euros en anticipada.