Leni Pérez & SeKadra, a fusión da tradición co jazz contemporáneo,
este xoves nos Solpores da Rebullón
• A voz e a pandeireta de Leni Pérez recolle a nosa tradición oral, mesturada coas linguaxes contemporáneas do dúo de jazz SeKadra
• Despois de pasar polo Festival de Ortigueira, o grupo presenta o seu
primeiro traballo, “Xa non ten ferriñas”, este xoves 6 ás 21 horas
Mos, 5 de agosto de 2026.- A fusión da nosa música de raíz de tradición oral co jazz contemporáneo europeo –ou o que é o mesmo, Leni Pérez & SeKadra– chega mañá ao escenario ao aire libre dos Solpores da Rebullón.
Leni Pérez & SeKadra é un proxecto de música tradicional galega cunha roupaxe moderna que permite tanto as influenzas do jazz contemporáneo europeo como doutras culturas. A banda explora esta mestura na voz e pandeireta de Leni Pérez xunto co dúo de jazz SeKadra, formado polo baterista Paulo Silva e Arturo Rúa aos teclados.
Logo de actuar hai unhas semanas no Festival de Ortigueira, a formación presentará nos Solpores da Rebullón o seu primeiro traballo, “Xa non ten ferriñas”, un disco editado este mesmo ano e concibido como unha ponte entre os sons de raíz e as linguaxes musicais contemporáneas, cunha sonoridade aberta e delicada, auténtica e fresca.
No plano artístico, Leni Pérez & SeKadra destaca pola liberdade para visitar estilos, partindo do folk e o jazz, pasando pola música brasileira e incluso a improvisación. O resultado, un universo sonoro propio no que a tradición é a base dunha música viva, con personalidade e ambición, sen renunciar á identidade e á raíz galega.
A nosa tradición, actualizada cunha lectura musical contemporánea; os de raíz galega, mesturados co jazz contemporáneo. Leni Pérez & SeKadra, mañá xoves 6 de agosto, ás 21 horas, nos Solpores da Rebullón, o escenario exterior da sala ubicada no CSCD As Pedriñas. A entrada, polo sistema de billeteira inversa.
LENI PÉREZ & SEKADRA
Solpores da Rebullón
Este ano, a Comunidade de Montes de Tameiga fai medrar os Solpores da Rebullón, o tradicional ciclo estival de concertos ao aire libre, a última hora da tarde, no exterior do centro sociocultural As Pedriñas, con acceso por billeteira inversa.
Once citas, trece grupos distintos de todos os estilos durante os meses de xullo e agosto, con directos todas as semanas, sempre en pleno solpor. Un plan perfecto para gozar da mellor música nun entorno idóneo. A continuación, o programa completo deste verán:
• Mércores, 1 de xullo: JAY & THE SMOKING MACHINES
• Xoves, 9 de xullo: AMARAMAR
• Mércores, 15 de xullo: ZAPOITXO!
• Xoves, 16 de xullo: FILLOAS
• Xoves, 23 de xullo: KARMA ANIMAL + 6LE
• Xoves, 30 de xullo: GOOD GOD!
• Xoves, 6 de agosto: LENI PEREZ & SEKADRA
• Mércores, 12 de agosto: ECLIPSOUND
• Xoves, 13 de agosto: CHOP CHOP
• Xoves, 20 de agosto: EXERIA
• Xoves, 27 de agosto: DO ROXO PRESBIÇIAN.
A sala Rebullón
Xestionada pola Comunidade de Montes de Tameiga, a sala Rebullón converteuse nunha referencia para os espectáculos escénicos e musicais en Galicia desde a súa inauguración no ano 2017. Desde entón, alzouse con dous premios Martín Códax da Música á mellor sala de concertos, no 2023 e no 2025, segundo a votación dos socios e socias de Músicas ao Vivo.
A Rebullón é un proxecto cultural centrado fundamentalmente nos concertos, pero no que tamén se programan sesións de cinema, danza ou teatro, conferencias, actividades infantís ou presentacións de libros. A súa versatilidade é unha das principais características deste espazo, configurado e definido por técnicos profesionais para lograr unha acústica e funcionalidade apta para acoller ao mellor da escena cultural galega.
A Comunidade de Montes de Tameiga
A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tameiga (Mos) é unha entidade sen ánimo de lucro conformada por máis de 400 familias que xestiona actualmente 90 hectáreas de superficie forestal veciñal para conseguir beneficios medioambientais, sociais
e económicos para a poboación. O seu obxectivo principal é a defensa e protección do patrimonio común.
Xestiona os recursos acuíferos do territorio en beneficio da veciñanza comuneira e dispón dunha comunidade enerxética que reparte 350 pedidos anuais de 3 m3 de biomasa cada un, a prezo de custe. Ademais, a entidade é titular dun viveiro de empresas e do polígono industrial de Monte Faquiña, con 20 naves industriais, que conta con instalacións fotovoltaicas que permiten un autoconsumo individual, abaratando os custes de produción
e mellorando a competitividade das empresas.
Por outra banda, a Comunidade de Montes de Tameiga desenvolve unha intensa actividade sociocultural, a través da organización do festival infantil Miúdo Fest e da programación do Centro Sociocultural As Pedriñas e da Sala Rebullón. Tamén colabora con organizacións deportivas, educativas e sociais do municipio.
En cumprimiento do disposto na Lei Protección de Datos, para o exercicio dos seus dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ao tratamento dos seus datos personais, contidos nas nosas condicións de protección de datos, só ten que responder a este e-mail indicando o seu email no asunto, ou ben a través do envío de un correo ordinario a la dirección: Avd. Rebullón 23. Se desexa darse de baixa tamén pode premer aquí.