logosMonteSala.png

Dobre dose de rock feito na terra: Karma Animal e Six Legged Elephant, nos Solpores da Rebullón

      • Mañá xoves, ás 21 h con billeteira inversa, unha noite para amantes do rock alternativo, das guitarras potentes e da enerxía en directo.
     
      • As dúas bandas levan o rock ao seu terreo, con influencias como The Smashing Pumpkins, Royal Blood ou Queens of the Stone Age.

Mos, 22 de xullo de 2026.- Esta semana, suben ao escenario ao aire libre dos Solpores dúas bandas viguesas que abrazan o mellor do rock alternativo internacional para levalo ao seu terreo: Karma Animal e Six Legged Elephant, este xoves 23 ás 21 h, con entrada polo sistema de billeira inversa. 
 
Mañá xoves, dobre concerto nos Solpores e dobre dose de rock con vocación internacional e raíz local. Os dous grupos comparten paixón polo rock, os riffs de guitarra contundentes e os grooves marcados, perfecto para persoas seguidoras de bandas que lles inflúen, como Royal Blood, Idles, The Smashing Pumpkins ou Queens of the Stone Age. 
 
Karma Animal é un power trío de rock alternativo fundado no 2019 que mestura intensidade e melodía nun son potente, melancólico e directo. Os vigueses beben do grunge e do rock alternativo, e interpretan temas propios en galego, castelán e inglés que afondan na liberdade, o desencanto, as relacións humanas e a procura de sentido nun mundo cada vez máis caótico. 
 
O directo enérxico e sen artificios de Karma Animal está construído sobre guitarras contundentes, baixos agresivos e cancións que buscan emocionar e golpear a partes iguais.

KARMA ANIMAL

Pola súa banda, Six Legged Elephant (6LE) van camiño de converterse en asiduos da Rebullón. Logo da boa acollida que tivo o seu directo nas dúas ocasións anteriores –nos Solpores do ano pasado e este mes de marzo, xunto a vonsharon–, o grupo regresa a Tameiga decidido a referendar que son unha das formacións con maior talento e potencial do rock alternativo vigués e galego. 
 
Con pouco máis dun ano de traxectoria, a música de 6LE caracterízase por unha gran intensidade emocional e un son que combina melancolía e enerxía frenética. Nas súas cancións respírase unha atmosfera densa, guitarras de peso e un ritmo contundente que fai vibrar ao público. 
 
En definitiva, unha noite para gozar ao aire libre da nova xeración do rock alternativo feito na terra, con Karma Animal e Six Legged Elephant. Mañá xoves ás 21 horas, no escenario exterior da Rebullón, no CSCD As Pedriñas, con acceso polo sistema de billeteira inversa. 

SIX LEGGED ELEPHANT
Solpores da Rebullón
Este ano, a Comunidade de Montes de Tameiga fai medrar os Solpores da Rebullón, o tradicional ciclo estival de concertos ao aire libre, a última hora da tarde, no exterior do centro sociocultural As Pedriñas, con acceso por billeteira inversa.
 
Once citas, trece grupos distintos de todos os estilos durante os meses de xullo e agosto, con directos todas as semanas, sempre en pleno solpor. Un plan perfecto para gozar da mellor música nun entorno idóneo. A continuación, o programa completo deste verán:
 
    • ⁠Mércores, 1 de xullo: JAY & THE SMOKING MACHINES
    • ⁠Xoves, 9 de xullo: AMARAMAR
    • ⁠Mércores, 15 de xullo: ZAPOITXO!
    • Xoves, 16 de xullo: FILLOAS
    • ⁠Xoves, 23 de xullo: KARMA ANIMAL + 6LE
    • ⁠Xoves, 30 de xullo: GOOD GOD!
    • ⁠Xoves, 6 de agosto: LENI PEREZ & SEKADRA
    • ⁠Mércores, 12 de agosto: ECLIPSOUND
    • Xoves, 13 de agosto: CHOP CHOP
    • ⁠Xoves, 20 de agosto: EXERIA
    • Xoves, 27 de agosto: DO ROXO PRESBIÇIAN. 
 
A sala Rebullón
Xestionada pola Comunidade de Montes de Tameiga, a sala Rebullón converteuse nunha referencia para os espectáculos escénicos e musicais en Galicia desde a súa inauguración no ano 2017. Desde entón, alzouse con dous premios Martín Códax da Música á mellor sala de concertos, no 2023 e no 2025, segundo a votación dos socios e socias de Músicas ao Vivo.  
 
A Rebullón é un proxecto cultural centrado fundamentalmente nos concertos, pero no que tamén se programan sesións de cinema, danza ou teatro, conferencias, actividades infantís ou presentacións de libros. A súa  versatilidade é unha das principais características deste espazo, configurado e definido por técnicos profesionais para lograr unha acústica e funcionalidade apta para acoller ao mellor da escena cultural galega.
 
A Comunidade de Montes de Tameiga
A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tameiga (Mos) é unha entidade sen ánimo de lucro conformada por máis de 400 familias que xestiona actualmente 90 hectáreas de superficie forestal veciñal para conseguir beneficios medioambientais, sociais e económicos para a poboación. O seu obxectivo principal é a defensa e protección do patrimonio común.  
 
Xestiona os recursos acuíferos do territorio en beneficio da veciñanza comuneira e dispón dunha comunidade enerxética que reparte 350 pedidos anuais de 3 m3 de biomasa cada un, a prezo de custe. Ademais, a entidade é titular dun viveiro de empresas e do polígono industrial de Monte Faquiña, con 20 naves industriais, que conta con instalacións fotovoltaicas que permiten un autoconsumo individual, abaratando os custes de produción e mellorando a competitividade das empresas.
 
Por outra banda, a Comunidade de Montes de Tameiga desenvolve unha intensa actividade sociocultural, a través da organización do festival infantil Miúdo Fest e da programación do Centro Sociocultural As Pedriñas e da Sala Rebullón. Tamén colabora con organizacións deportivas, educativas e sociais do municipio.