Domingo de folc galego de primeira categoría con Balteira e Comando Curuxás
• Este domingo 7, ás 19 horas, Balteira e Comando Cuxurás na Rebullón: dúas bandas que garanten moito nivel e moita festa
• Ademáis este venres 5, ás 21:30 horas, Gran Reserva, versións moi persoais de temas clásicos do rock, blues, funky ou latino
• E o sábado 6, ás 21:30 h, noite adicada ao metal contundente da man dos lusos Living Tales, acompañados por DisonanT e Akelarre
Mos, 3 de xuño de 2026.- A primeira fin de semana de xuño chega a Tameiga chea de música, con tres días de concertos e seis bandas sobre o escenario da Rebullón, e propostas para todos os gustos e para todos os públicos.
Este domingo, a Rebullón recibe a dúas bandas de folc de moitos quilates e moito baile. Balteira e Comando Curuxás, este domingo 7, ás 19 horas, con entradas desde 12 euros, á venda online. Este será ademais o primeiro do ciclo de concertos en salas Ducia e Pico, que ten a súa estrea na Rebullón e conta co apoio de Agadic.
Balteira é un cuarteto nado en Betanzos a finais de 2025 que sitúa a música de tradición oral galega como eixo vertebrador da súa proposta artística. O grupo recupera cantares de torreiro e melodías instrumentais para o baile baixo unha mirada contemporánea. O seu nome rende homenaxe á soldadeira medieval María Pérez 'A Balteira', quen serve de inspiración como símbolo de liberdade, feminismo e progreso para este proxecto renovador.
A formación destaca pola ampla traxectoria dos seus compoñentes, que proceden de proxectos de renome como Tiruleque, Aliboria ou Habelas Hainas, ademais de contar cunha sólida bagaxe como docentes de música tradicional. Malia a súa recente creación, Balteira xa conta con gravacións editadas e actuacións nas que saben conxugar como ninguén a emoción da tradición co baile e a festa do directo.
Pola súa banda, Comando Curuxás preséntase como unha murga guerrilleira que fusiona tradición e modernidade para levar a festa e o baile alá onde vai. Armados cun repertorio vocal e instrumental especificamente deseñado para o baile da terra, o grupo asalta calquera escenario e fai correr "ríos de muiñeira" alá onde vai.
Desde o seu nacemento, Comando Curuxás percorreu numerosos escenarios e festivais como o Festival de Pardiñas e o Trad Fest de Compostela. Ademais de protagonizar un capítulo na serie Recollendo Músicas de AGalega en 2024, a banda atópase actualmente presentando o seu segundo traballo discográfico, titulado Carne de Militancia (2025)
O venres, Gran Reserva
A fin de semana comeza con anada excepcional e a elegancia musical dos vigueses Gran Reserva, unha nova banda composta por tres galegos e dous arxentinos avalados pola súa traxectoria e cuxo valor reside nas personalísimas versións de temas coñecidos do rock, o blues o funk ou o latino. Gran Reserva, este venres 5, ás 21:30 horas, desde 10 euros, prezo único, á venda na cantina do CSCD As Pedriñas.
Os integrantes da banda proceden de bandas importantes en Galicia e Arxentina, como Nadie es Perfecto, Suso Vaamonde, Black Stones ou Patricia Sosa, forxando unha experiencia de máis de vinte anos tocando en locais, teatros e festivais. Como Gran Reserva, presentáronse no verán de 2025 e contan con varios concertos programados este ano en Galicia e Madrid.
En definitiva, unha oportunidade de descubrir a personalidade única dun grupo novo e á vez moi solvente; e unha oportunidade de redescubrir temas coñecidos de distintos estilos.
Gran Reserva
O sábado, Living Tales + DisonanT + Akelarre
Por último, a do sábado será unha noite adicada aos son máis escuros e contundentes do metal na Rebullón. Os portugueses Living Tales + DisonanT + Akelarre, este sábado 6, ás 21:30 h, desde 10 euros, á venda na cantina do CSCD As Pedriñas.
Living Tales é unha banda portuguesa de metal progresivo e sinfónico con preto de vinte anos de traxectoria e un son propio que combina arranxos orquestrais e a potencia do metal. Os lusos contan con catro álbums de estudio no mercado, comezando co seu debut Delusional Mind en 2012. Tras o lanzamento de Mirror e a boa acollida de Persephone en 2022, a banda acadou a súa madurez creativa co seu traballo máis recente, Hades, publicado en abril de 2025. O concerto da Rebullón forma parte da xira de presentación dos seus novos temas, confirmando o seu gran momento sobre os escenarios.
Xunto aos portugueses, dous grupos galegos para completar unha noite de puro metal contundente. Aquelarre é unha banda nada en Vigo que se caracteriza polo seu power core, unha mestura entre a potencia do metalcore e a melodía do power metal. A súa traxectoria profesional comezou co lanzamento de "Requiescat in Pace" (2014), seguido por "Tempo" (2016), co que realizaron máis de 40 concertos por España, e "Suevia" (2019), onde exploraron un son máis agresivo e moderno. No 2024, editaron o seu último traballo ata a data, "Versus", un proxecto ambicioso producido que se divide en catro EPs.
Pola súa banda, DisonanT formouse no 2023 cun estilo moi persoal, agresivo, cunhas letras que ofrecen un retrato crítico dun sistema que consideran decadente e desapiadado. A incorporación no 2024 do guitarrista Alfonso Pérez consolidou un son máis complexo e poderoso, co que a banda busca establecerse como un referente dentro da escena metal. Cun enfoque baseado na paixón e na dedicación, DisonanT convida ao público a romper coa rutina e loitar polos seus obxectivos máis ambiciosos.
A sala Rebullón
Xestionada pola Comunidade de Montes de Tameiga, a sala Rebullón converteuse nunha referencia para os espectáculos escénicos e musicais en Galicia desde a súa inauguración no ano 2017. Desde entón, alzouse con dous premios Martín Códax da Música á mellor sala de concertos, no 2023 e no 2025, segundo a votación dos socios e socias de Músicas ao Vivo.
A Rebullón é un proxecto cultural centrado fundamentalmente nos concertos, pero no que tamén se programan sesións de cinema, danza ou teatro, conferencias, actividades infantís ou presentacións de libros. A súa versatilidade é unha das principais características deste espazo, configurado e definido por técnicos profesionais para lograr unha acústica e funcionalidade apta para acoller ao mellor da escena cultural galega.
A Comunidade de Montes de Tameiga
A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tameiga (Mos) é unha entidade sen ánimo de lucro conformada por máis de 400 familias que xestiona actualmente 90 hectáreas de superficie forestal veciñal para conseguir beneficios medioambientais, sociais
e económicos para a poboación. O seu obxectivo principal é a defensa e protección do patrimonio común.
Xestiona os recursos acuíferos do territorio en beneficio da veciñanza comuneira e dispón dunha comunidade enerxética que reparte 350 pedidos anuais de 3 m3 de biomasa cada un, a prezo de custe. Ademais, a entidade é titular dun viveiro de empresas e do polígono industrial de Monte Faquiña, con 20 naves industriais, que conta con instalacións fotovoltaicas que permiten un autoconsumo individual, abaratando os custes de produción
e mellorando a competitividade das empresas.
Por outra banda, a Comunidade de Montes de Tameiga desenvolve unha intensa actividade sociocultural, a través da organización do festival infantil Miúdo Fest e da programación do Centro Sociocultural As Pedriñas e da Sala Rebullón. Tamén colabora con organizacións deportivas, educativas e sociais do municipio.
En cumprimiento do disposto na Lei Protección de Datos, para o exercicio dos seus dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ao tratamento dos seus datos personais, contidos nas nosas condicións de protección de datos, só ten que responder a este e-mail indicando o seu email no asunto, ou ben a través do envío de un correo ordinario a la dirección: Avd. Rebullón 23. Se desexa darse de baixa tamén pode premer aquí.