logosMonteSala.png

 “Eclipse Total” en Tameiga: tres concertos para poñer banda sonora ao fenómeno astronómico

  • Programación especial este mércores 12 ás 19 h para seguir o eclipse co dúo Phantomatic DJ & Abel Trigó, DJ Roberto Tempo e Anahí
  • No CSCD As Pedriñas, o evento terá lugar nunha localización apta para seguir o eclipse, e ademais, con acceso de balde
  • O xoves 13, os Solpores da Rebullón recuperan o seu ritmo habitual cos galego-británicos Chopchop, o xoves 13 a partir das 21 horas

Mos, 11 de agosto de 2026.- A do eclipse non é unha semana calquera e a Comunidade de Montes de Tameiga non ía deixar pasar a oportunidade de programar un espectáculo musical acorde ao espectáculo astronómico que nos agarda mañá.
 
Música en directo para poñer banda sonora ao eclipse. Esa é, en esencia, a proposta de Tameiga para seguir o espectáculo. E así, o CSCD As Pedriñas convértese nunha das mellores opcións da área de Vigo para presenciar o eclipse, tanto pola súa localización privilexiada como polos concertos que acompañarán o fenómeno. Este mércores, desde as 19 horas, con entrada de balde, actuacións do dúo Phantomatic DJ & Abel Trigó, do DJ Roberto Tempo e da viguesa Anahí. 
 
PHANTOMATIC DJ & Abel Trigó presentan unha innovadora proposta musical que fusiona a electrónica máis elegante coa forza da voz e a guitarra en directo. Inspirado nos orixes creativos de Estados Unidos, onde os DJs se aliaban cos vocalistas de soul, este dúo ofrece un espectáculo baseado na mestura e na improvisación. Unha viaxe sonora única, dinámica, deseñada para facer gozar e bailar ao público.
 
Detrás deste proxecto atópanse dous artistas de recoñecida traxectoria: por un lado, Cristian Penelas baixo o seu alias disco-funk PHANTOMATIC DJ, unha figura chave da electrónica en Galicia e Portugal con máis de dúas décadas de experiencia; e polo outro, Abel Trigó, un talentoso compositor e cantante de jazz que colaborou con figuras internacionais como Martha High (corista de James Brown). Xuntos, combinan a cultura electrónica co influxo do swing e do gospel, transformando calquera clásico nunha auténtica e festiva invitación ao baile.

PHANTOMATIC DJ & ABEL TRIGÓ
DJ Roberto Tempo é un veterano detrás dos pratos con máis de tres décadas de traxectoria, sempre conectado ás últimas tendencias e especialista en sesións 100% en vinilo que viaxan do jazz, neo soul e o disco ao afro, house, funk, electrónica ou o son brasileiro. Ao longo da súa carreira, pinchou en clubs de referencia mundial como Jazz Café e Notting Hill Arts Club en Londres, Nublu en Nova York, Favela Chic en París, Pikes en Ibiza, ademais de formar parte do cartel de festivais como Noches del Botánico, Enclave de Agua, Imagina Funk ou Cultura Inquieta.
 
Paralelamente, desenvolve unha intensa actividade como promotor musical impulsando ciclos como Villanos del Jazz, Jazztrónica ou Impulso, e dirixindo salas claves da noite madrileña como Clamores, Villanos, Babylon ou o propio Tempo Audiophile Club, desde onde exerce tamén como presidente de MED (Madrid en Vivo), a asociación de salas de concertos da cidade. Na actualidade é posible gozalo todos os sábados en sesión 100% vinilo no Tempo Audiophile Club, consolidado como un dos grandes dinamizadores do jazz, o groove e a cultura de club en Madrid.
ROBERTO TEMPO
Anahí é viguesa de pura esencia, cunha conexión coa música electrónica que naceu moi nova e que a levou a explorar desde o minimal, house, funky e disco ata o deep house, electro e acid house. Esa viaxe constante pola cultura de club tradúcese nun gusto refinado e unha marcada versatilidade, que en 2024 dá o salto ao ámbito profesional da man de Baron Ashler e DJ Ino, momento no que a súa identidade artística comeza a consolidarse.
 
Nas súas sesións ofrece seleccións elegantes e dinámicas, mesturando beats e melodías para crear ambientes que conectan de inmediato co público, con sets cargados de groove, ritmo e bo rollo. En cabina ten un obxectivo claro: facer bailar, emocionar e transmitir a enerxía que a música lle inspira, construíndo experiencias sonoras únicas en cada set.
ANAHÍ

O xoves, Chopchop
O “eclipse total” de mañá non altera os concertos estivais dos xoves. Os Solpores da Rebullón programan para este xoves, ás 21 horas e con billeteira inversa, a Chopchop, banda británica de art rock liderada polo ex-Quinindiola Xelís de Toro, coñecida por uns directos cheos de enerxía e por un son ecléctico que bebe do post‑punk e da No Wave neoyorkina, con referencias a grupos como Talking Heads e The Fall de Mark Smith. 
 
O seu estilo altamente orixinal chamou a atención de voces destacadas da BBC, da radio arte londinense resonancefm e permitulle actuar en festivais británicos como Supernormal, Acid Horse ou Origin. Na súa primeira visita a Galicia, no 2025, incluíron por vez primeira un tema en galego no seu repertorio, recuperando “Un home animal” de Os Quinindiolas, que acabou converténdose nun éxito que hoxe seguen interpretar en Inglaterra nunha versión bilingüe galego‑inglés. Este verán, regresan a Galicia coa súa combinación de trompeta, electrónica e teclados (Alistair Strachan), baixo (Ed Haydn), batería (Ed Briggs) e a voz de Xelís de Toro.
CHOP CHOP
Solpores da Rebullón
Este ano, a Comunidade de Montes de Tameiga fai medrar os Solpores da Rebullón, o tradicional ciclo estival de concertos ao aire libre, a última hora da tarde, no exterior do centro sociocultural As Pedriñas, con acceso por billeteira inversa.
 
Once citas, trece grupos distintos de todos os estilos durante os meses de xullo e agosto, con directos todas as semanas, sempre en pleno solpor. Un plan perfecto para gozar da mellor música nun entorno idóneo. A continuación, o programa completo deste verán:
 
    • ⁠Mércores, 1 de xullo: JAY & THE SMOKING MACHINES
    • ⁠Xoves, 9 de xullo: AMARAMAR
    • ⁠Mércores, 15 de xullo: ZAPOITXO!
    • Xoves, 16 de xullo: FILLOAS
    • ⁠Xoves, 23 de xullo: KARMA ANIMAL + 6LE
    • ⁠Xoves, 30 de xullo: GOOD GOD!
    • ⁠Xoves, 6 de agosto: LENI PEREZ & SEKADRA
    • ⁠Mércores, 12 de agosto: ECLIPSE TOTAL
    • Xoves, 13 de agosto: CHOP CHOP
    • ⁠Xoves, 20 de agosto: EXERIA
    • Xoves, 27 de agosto: DO ROXO PRESBIÇIAN. 
 
A sala Rebullón
Xestionada pola Comunidade de Montes de Tameiga, a sala Rebullón converteuse nunha referencia para os espectáculos escénicos e musicais en Galicia desde a súa inauguración no ano 2017. Desde entón, alzouse con dous premios Martín Códax da Música á mellor sala de concertos, no 2023 e no 2025, segundo a votación dos socios e socias de Músicas ao Vivo.  
 
A Rebullón é un proxecto cultural centrado fundamentalmente nos concertos, pero no que tamén se programan sesións de cinema, danza ou teatro, conferencias, actividades infantís ou presentacións de libros. A súa  versatilidade é unha das principais características deste espazo, configurado e definido por técnicos profesionais para lograr unha acústica e funcionalidade apta para acoller ao mellor da escena cultural galega.
 
A Comunidade de Montes de Tameiga
A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tameiga (Mos) é unha entidade sen ánimo de lucro conformada por máis de 400 familias que xestiona actualmente 90 hectáreas de superficie forestal veciñal para conseguir beneficios medioambientais, sociais e económicos para a poboación. O seu obxectivo principal é a defensa e protección do patrimonio común.  
 
Xestiona os recursos acuíferos do territorio en beneficio da veciñanza comuneira e dispón dunha comunidade enerxética que reparte 350 pedidos anuais de 3 m3 de biomasa cada un, a prezo de custe. Ademais, a entidade é titular dun viveiro de empresas e do polígono industrial de Monte Faquiña, con 20 naves industriais, que conta con instalacións fotovoltaicas que permiten un autoconsumo individual, abaratando os custes de produción e mellorando a competitividade das empresas.
 
Por outra banda, a Comunidade de Montes de Tameiga desenvolve unha intensa actividade sociocultural, a través da organización do festival infantil Miúdo Fest e da programación do Centro Sociocultural As Pedriñas e da Sala Rebullón. Tamén colabora con organizacións deportivas, educativas e sociais do municipio.