Mos, 9 de outubro de 2024.- Este sábado, oportunidade única en Galicia para gozar do directo dun talento musical emerxente, Matt Pascale, a sensación do blues rock italiano e unha das grandes promesas do rock en Europa.
Matt Pascale & The Stomps vai presentar o seu álbum de debut, gravado en Estados Unidos baixo a produción de Fabrizio Grossi, tamén responsable de discos de músicos como Billy Gibbons (ZZ Top), Slash (Guns ‘n’ Roses), Super Sonic Blues Machine, Eric Gales, entre outros.
Na súa xira por Europa, Matt Pascale inclúe dez paradas en España por primeira vez, máis só ofrecerá un concerto en Galicia: este sábado, 12 de outubro, ás 22 horas na sala Rebullón. As entradas están xa á venda online desde 13 euros en anticipada (máis gastos de xestión) ou 16 na billeteira.
Nos seus concertos, Matt Pascale & The Stomps poñen ao público a vibrar coa auténtica paixón do italiano polo rock, que mistura con influencias do blues e da música negra. O seu son lembra a bandas do calibre de Allman Brothers Band, Jimi Hendrix, Stevie Ray Vaughan, Rory Gallagher, Black Crowes, Blackberry Smoke ou Marcus King, entre outros. Na Rebullón, ofrecerá toda a súa experiencia sobre o escenario.
Con só 24 anos, Matt Pascale foi cabeza de cartel en festivais como Notodden Blues Festival, Thrill Blues Festival, Blues in Villa e moitos outros ao longo de toda Europa. Ademais, o guitarrista italiano e a súa banda realizaron varias xiras por salas de prestixio do continente, como o Hard Rock Cafè Davos, Mulrrayfield Pub, Café Blues Memphis e moitos máis.
Ao otro lado do Atlántico, Matt Pascale estivo tocando entre Tennessee e Mississippi, en múltiples escenarios como o histórico club de blues "Ground Zero Blues Club", con artistas do calibre de Bob Margolin, mítico guitarrista de Muddy Waters.