Último Solpor da Rebullón con DoRoxo Presbiçian: unha das voces emerxentes
máis potentes do rock galego
Os de Mos poñen o broche de ouro aos Solpores, mañá xoves 27, no novo horario ás 20:30 horas, con entrada por billeteira inversa
DoRoxo Presbiçian ofrecen a enerxía do grunge, a contundencia do rock urbano e unha lírica honesta, crítica, existencial e emocional
Mos, 26 de agosto de 2026.- Rematan os Solpores da Rebullón deste verán e, logo dunha ducia de artistas, a responsabilidade de poñer o fin de festa recae nuns amigos da casa: DoRoxo Presbiçian.
DoRoxo Presbiçian naceu en Mos no 2021 e, desde entón, a banda foi construíndo un son único que mestura honestidade cunha lírica profundamente existencial. A súa enerxía lembra ao grunge dos noventa e á contundencia do rock urbano, cunha carga emocional que atravesa cada tema.
Nas súas letras, Doroxo Presbiçian aborda temas como a crítica social, a frustración contemporánea e a necesidade de autenticidade nun mundo saturado de ruído e aparencias. Sen medo a soar diferente, sobre o escenario son un verdadeiro ciclón grazas á presenza escénica da súa vocalista e a unha música profundamente elaborada.
Co lanzamento do seu EP “bla bla bla”, DoRoxo Presbiçian dá un paso máis na súa evolución artística e confírmase como unha das voces emerxentes máis potentes do rock galego contemporáneo. Dispoñible en formato físico, en Spotify e no resto das plataformas dixitais, este EP consolida ao grupo como unha das propostas máis intensas e xenuínas.
Froito desta evolución, o grupo actuará este verán en Galicia, en Sevilla e protagonizará unha pequena xira en setembro por Extremadura, onde tocarán no “Moñeco Fest”, festival referencia do sur de Badajoz.
DoRoxo Presbiçian
EXERIA
Solpores da Rebullón
Este ano, a Comunidade de Montes de Tameiga fai medrar os Solpores da Rebullón, o tradicional ciclo estival de concertos ao aire libre, a última hora da tarde, no exterior do centro sociocultural As Pedriñas, con acceso por billeteira inversa.
Once citas, trece grupos distintos de todos os estilos durante os meses de xullo e agosto, con directos todas as semanas, sempre en pleno solpor. Un plan perfecto para gozar da mellor música nun entorno idóneo. A continuación, o programa completo deste verán:
• Mércores, 1 de xullo: JAY & THE SMOKING MACHINES
• Xoves, 9 de xullo: AMARAMAR
• Mércores, 15 de xullo: ZAPOITXO!
• Xoves, 16 de xullo: FILLOAS
• Xoves, 23 de xullo: KARMA ANIMAL + 6LE
• Xoves, 30 de xullo: GOOD GOD!
• Xoves, 6 de agosto: LENI PEREZ & SEKADRA
• Mércores, 12 de agosto: ECLIPSE TOTAL
• Xoves, 13 de agosto: CHOP CHOP
• Xoves, 20 de agosto: EXERIA
• Xoves, 27 de agosto: DO ROXO PRESBIÇIAN.
A sala Rebullón
Xestionada pola Comunidade de Montes de Tameiga, a sala Rebullón converteuse nunha referencia para os espectáculos escénicos e musicais en Galicia desde a súa inauguración no ano 2017. Desde entón, alzouse con dous premios Martín Códax da Música á mellor sala de concertos, no 2023 e no 2025, segundo a votación dos socios e socias de Músicas ao Vivo.
A Rebullón é un proxecto cultural centrado fundamentalmente nos concertos, pero no que tamén se programan sesións de cinema, danza ou teatro, conferencias, actividades infantís ou presentacións de libros. A súa versatilidade é unha das principais características deste espazo, configurado e definido por técnicos profesionais para lograr unha acústica e funcionalidade apta para acoller ao mellor da escena cultural galega.
A Comunidade de Montes de Tameiga
A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tameiga (Mos) é unha entidade sen ánimo de lucro conformada por máis de 400 familias que xestiona actualmente 90 hectáreas de superficie forestal veciñal para conseguir beneficios medioambientais, sociais
e económicos para a poboación. O seu obxectivo principal é a defensa e protección do patrimonio común.
Xestiona os recursos acuíferos do territorio en beneficio da veciñanza comuneira e dispón dunha comunidade enerxética que reparte 350 pedidos anuais de 3 m3 de biomasa cada un, a prezo de custe. Ademais, a entidade é titular dun viveiro de empresas e do polígono industrial de Monte Faquiña, con 20 naves industriais, que conta con instalacións fotovoltaicas que permiten un autoconsumo individual, abaratando os custes de produción
e mellorando a competitividade das empresas.
Por outra banda, a Comunidade de Montes de Tameiga desenvolve unha intensa actividade sociocultural, a través da organización do festival infantil Miúdo Fest e da programación do Centro Sociocultural As Pedriñas e da Sala Rebullón. Tamén colabora con organizacións deportivas, educativas e sociais do municipio.
En cumprimiento do disposto na Lei Protección de Datos, para o exercicio dos seus dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ao tratamento dos seus datos personais, contidos nas nosas condicións de protección de datos, só ten que responder a este e-mail indicando o seu email no asunto, ou ben a través do envío de un correo ordinario a la dirección: Avd. Rebullón 23. Se desexa darse de baixa tamén pode premer aquí.