logosMonteSala.png

Regresa a foliada “O Son da Rebullón” co dobre concerto de Os Carecos e Leni Pérez & Sekadra. O venres rock alternativo con vonsharon e Six Legged Elephant

  • A Sala Rebullón e O Son do Pazo reeditan a súa colaboración, unha festa con actuacións e foliada aberta, este sábado ás 20 horas desde 10 euros
  • Leni Pérez & Sekadra é un novo proxecto que une jazz e tradición galega; Os Carecos, desde 2014 enxalzando o folclore e cun novo disco
  • O venres 6 ás 22 horas, unha noite de rock sen concesións a cargo dos bretóns vonsharon e os vigueses Six Legged Elephant

Mos, 4 de marzo de 2026.- Por terceiro ano consecutivo, dous dos grandes dinamizadores culturais de Mos e da contorna –a Sala Rebullón e O Son do Pazo– suman forzas para celebrar a nosa cultura nunha xornada de música en directo e foliada aberta. A III Foliada O Son da Rebullón terá lugar este sábado, 7 de marzo, desde ás 20 horas, con entradas desde 10 euros en anticipada (12 euros na billeteira), á venda na cantina do CSCD As Pedriñas e no Pazo de Mos. 
 
O Son da Rebullón programa para esta edición dúas formacións que beben da música tradicional galega, unha ben consolidada e un novo proxecto. Os Carecos son un grupo de música tradicional galega que iniciou a súa viaxe sonora en 2014 e, desde entón, abrazaron o folclore e a tradición galega, combinándoo cunha proposta renovada e auténtica.
 
Na súa música, sobresaen as polifonías e o traballo vocal, así como un dominio total das percusións de man, conformando unha formación impecable, elegante e orixinal dentro do seu estilo.
 
A banda consolidou o seu formato actual recentemente, no Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira 2023, incorporando a Alberto Fojo (gaita e clarinete), Serafín Santamariña (acordeón) e Toñito Martínez (percusión). No 2024, Os Carecos participaron en reseñables festivais de folk como o TradFest de Compostela e lanzaron os seus primeiros sinxelos. 
 
“FOULA” é o seu primeiro disco, do que xa desfrutamos adiantos como Palmira, Xota e muiñeira das Cortellas ou Tristimil. Tras un exitoso crowdfunding, o grupo reafirma a través deste primeiro disco o seu compromiso de levar dende os seus orixes o folclore galego cara a novas audiencias, abrindo camiños na música tradicional e demostrando que a mestura de tradición e innovación pode resultar nunha experiencia verdadeiramente valiosa.
 
Pola súa banda, Leni Pérez & Sekadra é un proxecto de música tradicional galega cunha roupaxe moderna no que ten cabida tanto as influenzas do jazz contemporáneo europeo como doutras culturas. 
 
Exploran a fusión da nosa música de raíz de tradición oral na voz e pandeireta de Leni Pérez,  xunto ao dúo de jazz Sekadra, formado por Paulo Silva, baterista e Arturo Rúa teclados. O seu primeiro sinxelo, “Avivado”, viu a luz hai un mes en todas as plataformas, como adianto dun disco, “Xa non ten ferriñas”, recén editado.
 
E coma sempre, a finalización dos concertos non significa o remate da festa do Son da Rebullón. Será entón cando comece a foliada que dá nome ao evento, unha foliada aberta coa que gozar e celebrar da cultura que compartimos, que herdamos e alimentamos. Un peche por todo o alto da terceira edición evento único.