Mos, 20 de agosto de 2024.- Os Solpores da Rebullón achéganse ao seu remate e, antes do broche final, este xoves 22 súbense ao escenario os artífices de rock emotivo e conceptual de “Todas las batallas perdidas”.
Coma sempre, o público que se achegue ás Pedriñas gozará dunha proposta musical diferente e de calidade. Neste caso, “Todas las batallas perdidas” presentará “Ataraxia”, un disco conceptual editado en 2022 que emprega a música para trasladar todo un percorrido vital por distintas emocións e sentimentos. É un traballo de cinco cortes nos que priman os contrastes: de riffs pesados e violentes a paisaxes ambientais con atmósferas oscuras.
O concerto será este xoves, 22 de agosto, ás 21 horas, no escenario ao aire libre habilitado pola Comunidade de Montes de Tameiga no exterior do CSCD As Pedriñas, en Mos, con acceso a través da billeteira inversa, no que o público entra de balde e abona o que considera xusto ao remate do espectáculo.
|
|
“Todas las batallas perdidas” dá nome a un proxecto que nace das cancións compostas por Hugo (Clown, ÁnimA, CoVa) entre 2018 e 2019, ao que se unen Álvaro Lorenzo (Apeiron, Pescando en Copacabana, Los Sesuales, Johnny Cat & The Poor Dogs), Paio (ÁnimA, CoVa, O Sonoro Maxín, New Generation Big Band, Johmy Cat & The Poor Dogs) e David (Último Dios, Poetas do Kaos, Trut69, Los Sesuales, CoVa, Natural-Zero), dando forma a unha banda de veteranos da escena musical do Ribeiro.
Unha cita imperdible para as persoas afeccionadas á boa música ao aire libre, a penúltima dos Solpores deste verán. Logo deste concerto, o último xoves de agosto, o próximo día 29, Jay & The Smoking Machines porán o broche final ao festival ás 21 horas, co seu rock clásico e enérxico.
|
|
A Sala Rebullón
Xestionada pola Comunidade de Montes de Tameiga, a sala Rebullón converteuse en só seis anos nunha referencia para os espectáculos escénicos e musicais en Galicia. Vén de alzarse co Premio Martín Códax da Música 2023 á mellor sala de concertos, segundo a votación dos socios e socias de Músicas ao Vivo.
A Rebullón é un proxecto cultural centrado fundamentalmente nos concertos, pero no que tamén se programan sesións de cinema, danza ou teatro, conferencias, actividades infantís ou presentacións de libros. A súa versatilidade é unha das principais características deste espazo, configurado e definido por técnicos profesionais para lograr unha acústica e funcionalidade apta para acoller ao mellor da escena cultural galega.
|
|
A Comunidade de Montes de Tameiga
A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tameiga (Mos) é unha entidade sen ánimo de lucro que aglutina a máis de 400 familias comuneiras e xestiona actualmente 90 hectáreas de superficie forestal para conseguir beneficios medioambientais, sociais, enerxécticos e económicos para a súa veciñanza. O seu obxectivo principal é a defensa e protección do patrimonio común.
Xestiona os recursos acuíferos do territorio en beneficio da veciñanza comuneira e dispón dunha comunidade enerxética que reparte 350 pedidos anuais de 3 m3 de biomasa cada un, a prezo de costo. Ademais, a entidade é titular dun viveiro de empresas e do polígono industrial de Monte Faquiña, con máis de 20 naves industriais, que conta con instalacións fotovoltaicas que permiten un autoconsumo individual, abaratando os costes de producción e mellorando a competitividade das empresas.
Por outra banda, a CMVMC de Tameiga desenvolve unha intensa actividade sociocultural, a través da organización do festival infantil Miúdo Fest e da programación do CSCD As Pedriñas e da Sala Rebullón. Tamén colabora con organizacións deportivas, educativas e sociais do municipio.
|
|
|
|