logosMonteSala.png

Este sábado, dous concertos de balde na sala Rebullón: os suecos Children of the Sün e a festa aniversario de Os Carunchos

  • Ás 13 horas, o grupo sueco presentará o seu son poderoso e atemporal, unha exitosa fusión de rock, blues e folk

    • E ás 21 horas, Os Carunchos ofrecerán un concerto especial para pechar a xira do 30º aniversario, con sorpresas e convidados

Mos, 5 de febreiro de 2025.- Este sábado, 8 de febreiro, a sala Rebullón acolle unha dobre cita imperdible para o público máis musical, e con acceso de balde: ás 13 horas, os sons clásicos e atemporais de Children of the Sün e, a partir das 21 horas, concerto especial de Os Carunchos para celebrar o seu trixésimo aniversario.

Chegados desde Suecia, Children of the Sün ofrece unha experiencia musical atemporal grazas ao seu son poderoso que fusiona rock, blues e folk. A banda mistura harmonías clásicas e riffs apaixoantes, lixeireza e profundidade, unha homenaxe ao rock que fai recordar por momentos a grupos como Fleetwood Mac, Ghost ou incluso ABBA.

Children of the Sün (vídeos) acadou un importante impacto no seu país natal grazas á súa actuación no Sweden Rock Festival e ao seu disco “Roots”, de 2022, sendo incluso mencionado por publicacións de prestixio como a Rolling Stone. Ademais, o seu tema “Leaves” logrou colarse entre as cinco primeiras na lista Aftonbladet das mellores cancións de rock do ano.

Este sábado, desde as 13 horas, o grupo vai presentar as súas novas composicións, xa que Children of the Sün acaba de publicar hai menos dun mes o seu novo traballo, “Leaving Ground, Greet the End”, chamado a consolidalos na escena internacional.

Segundo anunciaron nas súas redes, este concerto é de balde como agasallo da Rebullón e da promotora Lestrato Rock, pola fidelidade do público á sala e polo seu compromiso coa música en directo e co proxecto da Rebullón. Ademais, a cantina das Pedriñas ofrecerá racións a prezos populares para repoñer forzas tras o concerto.