EL NIDO
Ademais, chegados desde Burgos, este domingo actúa na Rebullón EL NIDO, unha banda que fusiona maxistralmente o folk rock con elementos poéticos e emocionais. Cativaron ao público con cancións como "Icaros", "Aire" e "Saltar", que destacan polas súas melodías evocadoras e letras profundas. A súa habilidade para crear música cargada de sentimento deulles recoñecemento tanto en España como internacionalmente.
En 2022, El Nido lanzou o seu primeiro álbum, “Refugios a cielo abierto”, unha obra introspectiva que combina guitarras eléctricas e acústicas con percusión para crear un ambiente etéreo e soñador, que os levou por máis de 170 escenarios.
A traxectoria musical de El Nido reflicte un compromiso coa autenticidade e a innovación. O seu estilo único, que combina elementos tradicionais con modernos, convérteos nunha referencia dentro do folk rock español. Con cada lanzamento, continúan expandindo o seu legado artístico e conectando profundamente co seu público.
El Nido actuará na Sala Rebullón este domingo 13, a partir das 19 horas, desde 8 euros en anticipada, á venda online e na cantina do CSCD As Pedriñas, ou 10 euros na billeteira.
|
|
MOSKA ROCK
A fin de semana na Rebullón continúa coa edición 2025 do mítico Moska Rock, que este ano chega co seu cartel máis potente con seis bandas sobre o escenario: Dakidarría, Seitura, Maskarpone, La DGT, Sapoconcho SemPoncho e Zur2djs.
Dakidarría é unha referencia da escena musical galega desde hai máis de vinte anos, reggae, ska e punk con letras reivindicativas e compromiso social, un son alegre e divertido cun directo enérxico.
Seitura chega desde o Val Miñor e son os recentes gañadores do concurso de maquetas Millo Verde 2024, grazas ao seu talento no punk rock, cheo de potencia, rabia e moita actitude.
A banda ourensá Maskarpone destaca pola súa heteroxeneidade musical, con estilos tan diversos coma o ska, o rock, o funk ou a música tradicional, e tamén lírica, con temáticas que falan de crítica social e outras máis intimistas. Moitos festivais xa deron fe do seu talento, co que van conquistar o Moska Rock.
La DGT é unha banda de punk viguesa fundada hai só dous anos, mais con impacto na escena. Presentan un directo potente e enérxico, que non deixa a ninguén quedo e de seguro fará tremer á Rebullón.
Sapoconcho SemPoncho é un viaxeiro musical que porá a bailar ao público coa súa ruta pola orografía dos sons, desde os Andes ata Europa. Partindo da cumbia en todas as súas variantes ata a divertida música balcánica, o folk galego ou a percusión africana e os ritmos xamaicanos.
Zur2djs son DJ's galegos veciños de O Porriño e defínense como amantes da música alternativa de todas e todos, e están dispostos a non deixar a ninguén en pé no afterparty do festival, a base de temazos de todos os estilos e tamén de todas as partes do mundo.
O Moska Rock terá lugar na Sala Rebullón este sábado a partir das 19 horas, con entradas desde 18 euros en anticipada, á venda online e tamén na cantina do CSCD As Pedriñas, ou a 23 euros na billeteira.
|
|
EXHORDER + Elefantes mutilados
E por último, a Sala Rebullón programa un evento único para os amantes do metal. O xoves, a lendaria banda estadounidense EXHORDER pisará o noso escenario para ofrecer un espectáculo inesquecible. Como teloneiros, contaremos coa enerxía e potencia da banda galega Elefantes Mutilados, quen promete quentar motores co seu estilo contundente.
Exhorder é unha banda de thrash metal orixinaria de Nova Orleans, Luisiana, formada en 1985. É amplamente recoñecida como unha das pioneiras do groove metal, un subxénero que posteriormente sería popularizado por grupos como Pantera, Lamb of God e Machine Head.
O seu álbum debut, Slaughter in the Vatican (1990), marcou un fito na historia do metal pola súa agresividade e o seu innovador enfoque composicional, aínda que tamén xerou controversia polo seu título e portada. En 1992 lanzaron The Law, un disco que afondou no groove metal pero non alcanzou o impacto do seu debut. A pesar da súa influencia no xénero, a banda enfrontou dificultades e cambios de aliñación que levaron á súa disolución inicial en 1994.
Tras décadas de inactividade e reunións esporádicas, Exhorder regresou con forza en 2019 co álbum Mourn the Southern Skies, amosando unha evolución no seu son e consolidando o seu status como banda de culto.
En 2024 lanzaron o seu cuarto álbum, Defectum Omnium, caracterizado por unha mestura de agresión, melodía e temas líricos que abarcan opresión, revolución e esperanza. Con este disco están a xirar este ano por España e Portugal, xira que os vai levar á Sala Rebullón.
O concerto será o xoves 10, a partir das 20:30 horas, con entradas en anticipada desde 18 euros, á venda online e na cantina do CSCD As Pedriñas, no Honky Tonk e no pub Transylvania. Na billeteira, o prezo da entrada será de 23 euros.
|
|
A sala Rebullón
Xestionada pola Comunidade de Montes de Tameiga, a Sala Rebullón converteuse en só seis anos nunha referencia para os espectáculos escénicos e musicais en Galicia. Vén de alzarse co Premio Martín Códax da Música 2023 á mellor sala de concertos, segundo a votación dos socios e socias de Músicas ao Vivo.
A Rebullón é un proxecto cultural centrado fundamentalmente nos concertos, pero no que tamén se programan sesións de cinema, danza ou teatro, conferencias, actividades infantís ou presentacións de libros. A súa versatilidade é unha das principais características deste espazo, configurado e definido por técnicos profesionais para lograr unha acústica e funcionalidade apta para acoller ao mellor da escena cultural galega.
A Comunidade de Montes de Tameiga
A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tameiga (Mos) é unha entidade sen ánimo de lucro conformada por máis de 400 persoas que xestiona actualmente 90 hectáreas de superficie forestal veciñal para conseguir beneficios medioambientais, sociais e económicos para a poboación. O seu obxectivo principal é a defensa e protección do patrimonio común.
Xestiona os recursos acuíferos do territorio en beneficio da veciñanza comuneira e dispón dunha comunidade enerxética que reparte 350 pedidos anuais de 3 m3 de biomasa cada un, a prezo de costo. Ademais, a entidade é titular dun viveiro de empresas e do polígono industrial de Monte Faquiña, con 20 naves industriais, que conta con instalacións fotovoltaicas que permiten un autoconsumo individual, abaratando os costes de producción e mellorando a competitividade das empresas.
Por outra banda, a Comunidade de Montes de Tameiga desenvolve unha intensa actividade sociocultural, a través da organización do festival infantil Miúdo Fest e da programación do Centro Sociocultural As Pedriñas e da Sala Rebullón. Tamén colabora con organizacións deportivas, educativas e sociais do municipio.
|
|
|
|