logosMonteSala.png

O salmantino Kike M, expoñente do novo rock de autor, este domingo na Sala Rebullón

   • Con Sheila Patricia como convidada, o salmantino presentará o rock urbano de raíz que lle valeu dúas nominacións aos Premios da Academia da Música de España
 
   • Este sábado, regresa forte o MoskaRock, con Barracüda, Eskravos, Skadelos, Sustanciados, The Eskarallas, DJ Jack Fabr e DJ Jenni Riveiro
 
   • O venres ás 19 h, o MoskaTEK, un novo festival de electrónica con once DJ e doce horas consecutivas de música, desde só cinco euros

Mos, 15 de abril de 2026.- Este domingo, a Rebullón ofrece a posibilidade de descubrir a un artista en plena expansión creativa. Kike M é un dos nomes máis sólidos do novo rock urbano de raíz e actuará na Rebullón da man do programa Girando por Salas do INAEM, con Sheila Patricia como artista convidada. 
 
O concerto terá lugar este domingo 19 ás 18:30 horas desde só 7 € en anticipada (10 € en billeteira) á venda online e na cantina do CSCD As Pedriñas. 
 
Con só dous traballos editados, o salmantino gañouse un lugar na primeira liña do novo rock de autor no Estado, nomeado a dous Premios da Academia da Música de España nas categorías de Mellor Álbum e Mellor Canción de Rock. 
 
Despois de varios anos como integrante de diversas bandas, Kike M lanzou en 2021 o seu primeiro álbum, “Antipersonal”, dez cancións editadas en formato fanzine e para o que contou coa colaboración de artistas como El Kanka ou Rulo. Con este primeiro álbum foi recoñecido como artista revelación pola Revista La Heavy e a web referencial do xénero Mariskalrock.com. Ademais tamén foi premiado, entre outros, no Certame de Mozos Creadores de Salamanca e o Certame Arte Nova Castela e León.
 
O seu segundo disco, “Cantares de Arcilla”,  baixo a batuta do lendario músico e produtor Iñaki “Uoho” Antón (Platero y Tú, Extremoduro, Marea...), foi o éxito que lle permitiu dar o salto que apuntaba. O propio Kike M fíxose cargo da identidade visual de “Cantares de Arcilla”, modelando por cada canción unha escultura que representa un animal mitolóxico do bordado tradicional da serra de Francia (Salamanca).
 
Tras máis de 50 datas de xira, incluíndo festivais como o Festival de la Luz ou Sonorama Ribera, o artista adapta a súa proposta a un formato íntimo pero enerxético, fusionando folk rock con letras honestas e melodías coreables. En directo, Kike M, coa súa potente banda, é un despregamento de enerxía que se contaxia na primeira escoita. 
 
E ademais, por se o plan non fora suficiente, o concerto de domingo contará con Sheila Patricia como artista convidada. A galega está inmersa nunha nova etapa de volta ao esencial con “Epifanía”, un disco co acústico no centro: a guitarra, a voz e esa maneira tan súa de contar a nivel interpretativo. En directo, Sheila Patricia mesturará repertorio novo coas pezas que fiaron a súa traxectoria.