logosMonteSala.png

XI Festival Aluméame: oito grupos e quilos de solidariedade en favor das familias de Mos que o precisan

 
    • Celébrase este domingo 25 ás 17 horas, con oito artistas na Rebullón e entrada coa entrega dun quilo de comida non perecedoira
 
    • Teatro, música e baile para todos os públicos: Grupo de Teatro Éche o que hai, Escolas Tangaraño, Cé Orquestra Pantasma, Avelurio, Las Pamisuki, Son de Abrente, Ondiñas do Mendo e Cantaruxas
 

Mos, 20 de xaneiro de 2026.- A solidariedade regresa un ano máis a Tameiga. O Festival Aluméame regresa á Sala Rebullón este domingo 25, desde as 17:00 horas, unindo teatro, música e baile por unha boa causa: recadar e entregar alimentos ás familias de Mos que máis o precisan. 
 
O evento –organizado pola Asociación Cultural Tangaraño co apoio de Mos Axuda e a Comunidade de Montes de Tameiga– reúne este domingo a oito artistas sobre o escenario, con prezo simbólico de entrada de, mínimo, un quilo de alimentos non perecedoiros. E para quen non poida asistir e desexe colaborar coa causa, xa é se pode depositar a súa doazón de comida nun espazo habilitado no CSCD As Pedriñas.  
 
O público que asista ao festival gozará dunha tarde coa mellor cultura galega. O Grupo de Teatro Éche o que hai achegará o humor e a reflexión propios do teatro popular, mentres que as Escolas Tangaraño exhibirán o traballo de formación en baile e música tradicional que desenvolve a asociación, centrado en transmitir costumes, convivencia e respecto pola cultura galega. A presenza de Cé Orquestra Pantasma, proxecto unipersoal recoñecido polos seus directos cheos de xogo, participación e música para todas as idades, reforza o carácter festivo e inclusivo da xornada.​
 
Completan o cartel Avelurio, Las Pamisuky, Son do Abrente, Ondiñas do Mendo e Cantaruxas, grupos vencellados á música e o baile de raíz, que contribúen a poñer en valor o patrimonio inmaterial galego e o traballo continuado das asociacións culturais da comarca. 
 
En definitiva, unha tarde de domingo para presenciar unha boa mostra da nosa cultura, pasar unhas boas horas en boa compañía e apoiar ás familias do municipio que máis o necesitan. O XI Festival Aluméame, este domingo 25, ás 17 horas, na Sala Rebullón. 
Ciclo de Charlas