logosMonteSala.png

Basement Saints na Rebullón: o mellor rock setenteiro chega desde Suíza

  • Famosa polo seu son cru e envolvente, Basement Saints trae á Rebullón o espírito salvaxe dos 70, este domingo 31 ás 21 horas
  • Ademais, este sábado 30 ás 22:30 horas, concerto do dúo chileno Emilia y Pablo, que combina folclore latinoamericano e flamenco

Mos, 27 de maio de 2026.- A banda suíza Basement Saints, cualificada pola prensa especializada como a "nova xeración do rock suízo", chega á Rebullón para ofrecer un espectáculo que promete revivir a esencia salvaxe dos anos 70. 
 
Basement Saints xa visitaran a Rebullón no 2024 ofrecendo un verdadeiro concertazo, posiblemente un dos tres mellores nos nove anos de historia da sala. Agora, nova oportunidade de ver un espectáculo antolóxico: este domingo 31 ás 21 horas, con entradas desde 15  € en anticipada (18 € na billeteira) á venda online e na cantina do CSCD As Pedriñas. 
 
Cun estilo que fusiona o rock 'n' roll desa década co southern rock, Basement Saints destaca pola súa formación atípica: prescinden do baixo para incorporar un órgano Hammond orixinal con dous altofalantes Leslie, o que define o seu son único e potente. 
 
Cunha traxectoria que naceu no 2012, a formación pasou de ser un dúo local a converterse nun trío e nun dos grupos en vivo máis destacados de Suíza, actuando en escenarios de renome como o Montreux Jazz Festival e o Summerside Festival.
 
A banda conta no seu haber con fitos tan destacados como ter compartido escenario con lendas do rock da talla de Uriah Heep, The Cult, Gotthard e Manfred Mann's Earth Band. A súa evolución musical levounos a publicar un EP e catro álbums de estudio, sendo o máis recente Down South, lanzado en outubro de 2024 e aclamado pola crítica especializada como a súa "obra mestra".
 
A formación actual, composta polo batería Simon Moll, o guitarrista Anton Delen e o virtuoso do Hammond Robby Keys —encargado das melodías principais e os solos—, chega no seu mellor momento. Segundo os medios especializados, Basement Saints demostrou ter o calibre necesario para seguir os pasos dos grandes referentes do rock da vella escola.  Este domingo, un concerto cargado de enerxía e calidade na Rebullón cos herdeiros do mellor rock clásico: Basement Saints.
 
Basement Saints

O sábado, Emilia y Pablo
Antes, a sala Rebullón acollerá un concerto moi diferente, pero igual calidade. O sábado, Emilia y Pablo ofrecerán a súa música íntima e sensorial, mestura do folclore latinoamericano co flamenco. Actuarán este sábado 30, ás 22:30 horas, con entradas desde 10 € en anticipada (13 € na billeteira) á venda online e na cantina do CSCD As Pedriñas. 
 
Emilia y Pablo é un dúo chileno afincado en Madrid que combina a súa experiencia nas artes escénicas cunha mestura única de folclore latinoamericano e flamenco, creando un soño intimista e, ao tempo, poderoso. O seu repertorio acolle influencias como o joropo, o bolero, a chacarera ou os cantos andinos, sempre axitados por aires aflamencados, que lles valeu o recoñecemento da crítica como “a nova gran promesa da canción en Madrid”. 
 
Esta fusión atópase no corazón do seu proxecto, xurdindo como unha proposta sonora e poética que busca o silencio, o misterio e a emoción acoutada máis que o estribillo fácil. O seu primeiro álbum, Territorio de Delirio (2021), inclúe un conxunto de colaboracións de luxo, como Niño de Elche, Martín Bruhn e Diego Galaz, e convive á sombra de mestres como Mercedes Sosa, Violeta Parra, Quilapayún ou Caetano Veloso, pero traducidos a unha voz propia. 
 
No 2019, Emilia y Pablo gañaron o primeiro premio do concurso de Jóvenes Creadores do Concello de Madrid, foron finalistas na plataforma Acústic e actuaron como teloneros de nomes como Estrella Morente, Diego El Cigala ou José Mercé. No 2021 participaron no ciclo Jazz no Palacio Real de Madrid, abrindo o concerto inaugural de Silvana Estrada. 
 
Quen se achegue á Rebullón o sabado gozará da oportunidade de descubrir unha proposta pouco convencional, profundamente humana, onde a canción actúa de ponte a unha experiencia íntima e de gran calidade. 
 

A sala Rebullón
Xestionada pola Comunidade de Montes de Tameiga, a sala Rebullón converteuse nunha referencia para os espectáculos escénicos e musicais en Galicia desde a súa inauguración no ano 2017. Desde entón, alzouse con dous premios Martín Códax da Música á mellor sala de concertos, no 2023 e no 2025, segundo a votación dos socios e socias de Músicas ao Vivo.  
 
A Rebullón é un proxecto cultural centrado fundamentalmente nos concertos, pero no que tamén se programan sesións de cinema, danza ou teatro, conferencias, actividades infantís ou presentacións de libros. A súa  versatilidade é unha das principais características deste espazo, configurado e definido por técnicos profesionais para lograr unha acústica e funcionalidade apta para acoller ao mellor da escena cultural galega.
 
A Comunidade de Montes de Tameiga
A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tameiga (Mos) é unha entidade sen ánimo de lucro conformada por máis de 400 familias que xestiona actualmente 90 hectáreas de superficie forestal veciñal para conseguir beneficios medioambientais, sociais e económicos para a poboación. O seu obxectivo principal é a defensa e protección do patrimonio común.  
 
Xestiona os recursos acuíferos do territorio en beneficio da veciñanza comuneira e dispón dunha comunidade enerxética que reparte 350 pedidos anuais de 3 m3 de biomasa cada un, a prezo de custe. Ademais, a entidade é titular dun viveiro de empresas e do polígono industrial de Monte Faquiña, con 20 naves industriais, que conta con instalacións fotovoltaicas que permiten un autoconsumo individual, abaratando os custes de produción e mellorando a competitividade das empresas.
 
Por outra banda, a Comunidade de Montes de Tameiga desenvolve unha intensa actividade sociocultural, a través da organización do festival infantil Miúdo Fest e da programación do Centro Sociocultural As Pedriñas e da Sala Rebullón. Tamén colabora con organizacións deportivas, educativas e sociais do municipio.