Folclore cántabro, tradición e vangarda bailable: Casapalma chega este
sábado á Rebullón
• O dúo cántabro actúa na Rebullón xunto aos galegos Lideira, este sábado 24, a partir das 21 horas, con entradas desde 12 euros
• O domingo 25 ás 19 horas, Teatro Escoitade representa “A cova das mil mulleres”, con acceso por billeteira inversa
Mos, 21 de octubre de 2026.- Casapalma chega á Rebullón como parte singular e innovadora do movemento en auxe das músicas de raíz. O dúo cántabro –formado por Irene Atienza e Yoel Molina– recupera a canción montañesa e as coplas máis identitarias do folclore da súa terra para convertelas nunha experiencia viva, contemporánea e plenamente bailable, sen renunciar á súa esencia.
Casapalma actúa na Rebullón xunto aos galegos Lideira este sábado 24, ás 21 horas, con entradas desde 12 euros en anticipada (15 euros na billeteira) á venda online e na cantina do CSCD As Pedriñas. E despois da súa visita a Galicia, Casapalma continúa dando concertos en salas míticas como a Sala Sol de Madrid, mostra do seu éxito entre o público.
O seu primeiro álbum, “Montañesas”, marcou un fito na reinterpretación do folclore ibérico e colocounos nos circuítos internacionais: foi seleccionado entre os dez mellores discos de 2024 na Lista Ibérica de Músicas de Raíz e elixido entre os cen mellores do ano na Transglobal World Music Chart. Desde entón, percorreron escenarios de todo o Estado e pasaron por feiras de referencia como a WOMEX, coa súa proposta que conecta o tradicional, o alternativo e o electrónico.
Na Rebullón presentarán o universo de “JOTAS”, o seu segundo disco, editado en outubro de 2025. Alí, Casapalma explora os ritmos e as formas do baile tradicional solto, respectando o papel da pandereteira como guía das persoas que bailan, e pon a tradición a conversar cos sons e as técnicas de produción actuais. O resultado é un repertorio pensado para mover o corpo, pero tamén para escoitar: once temas que reúnen colaboracións con Repion, Pablo Solo, Cristina Len e Ruiseñora, e que viaxan do rock e da psiquedelia á electrónica e aos sons urbanos.
Detrás de Casapalma están dous músicos con máis de quince anos de traxectoria. Irene Atienza desenvolveu a súa carreira entre Barcelona e o Brasil, onde viviu unha década, publicou tres discos e fixo xiras por Europa, América e Asia; Yoel Molina é guitarrista formado en Musikene e no Conservatorio Superior de Ámsterdam, ademais de produtor e mentor de artistas emerxentes. Xuntos crearon o Estudio Rural Las Zapateras, en Cabuérniga (Cantabria), un espazo de creación situado nunha reserva natural que se converteu no fogar sonoro de Casapalma.
CASAPALMA
Xunto a eles, este sábado actúa Lideira na sala Rebullón. O cuarteto irrompeu no panorama tradi galego como un sopro de aire fresco, grazas ao estilo e a sinxeleza que definen a súa música. Lideira presentará en directo o seu primeiro traballo discográfico, do mesmo nome.
Con cancións interpretadas íntegramente en galego, Lideira constrúe a partir da música de raíz e da tradición oral. Revisita melodías e pezas bailables da tradición para levalas ao contemporáneo, e alí se atopan voz, percusións, saxofóns, sintetizadores e electrónica. O grupo entende a tradición como materia viva, aberta a novas lecturas e a unha linguaxe sonora actual, unha invitación a bailar, escoitar e redescubrir o patrimonio musical galego desde unha mirada renovadora.
LIDEIRA
O domingo, nova cita co teatro
Domingo de outubro, domingo de teatro na sala Rebullón. Ás 19 horas, Teatro Escoitade representa “A cova das mil mulleres”, un orixinal de Doro Piñeiro con acceso polo sistema de billeteira inversa.
Que pode suceder nos paises onde os gobernos pretenden ser os “mandamais”, porque gobernan e mesmo coidan que poden arrasar aos veciños sen que estes se defendan. A consecuencia é que en todo o planeta estamos a espensas do que gravemente pode suceder. E sucederá? Este é o punto de partida dunha obra intensa, que mestura o drama coa comedia. A resposta está na cova das mil mulleres, este domingo na Rebullón.
ESCOITADE
A sala Rebullón
Xestionada pola Comunidade de Montes de Tameiga, a sala Rebullón converteuse nunha referencia para os espectáculos escénicos e musicais en Galicia desde a súa inauguración no ano 2017. Desde entón, alzouse con dous premios Martín Códax da Música á mellor sala de concertos, no 2023 e no 2025, segundo a votación dos socios e socias de Músicas ao Vivo.
A Rebullón é un proxecto cultural centrado fundamentalmente nos concertos, pero no que tamén se programan sesións de cinema, danza ou teatro, conferencias, actividades infantís ou presentacións de libros. A súa versatilidade é unha das principais características deste espazo, configurado e definido por técnicos profesionais para lograr unha acústica e funcionalidade apta para acoller ao mellor da escena cultural galega.
A Comunidade de Montes de Tameiga
A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tameiga (Mos) é unha entidade sen ánimo de lucro conformada por máis de 400 familias que xestiona actualmente 90 hectáreas de superficie forestal veciñal para conseguir beneficios medioambientais, sociais
e económicos para a poboación. O seu obxectivo principal é a defensa e protección do patrimonio común.
Xestiona os recursos acuíferos do territorio en beneficio da veciñanza comuneira e dispón dunha comunidade enerxética que reparte 350 pedidos anuais de 3 m3 de biomasa cada un, a prezo de custe. Ademais, a entidade é titular dun viveiro de empresas e do polígono industrial de Monte Faquiña, con 20 naves industriais, que conta con instalacións fotovoltaicas que permiten un autoconsumo individual, abaratando os custes de produción
e mellorando a competitividade das empresas.
Por outra banda, a Comunidade de Montes de Tameiga desenvolve unha intensa actividade sociocultural, a través da organización do festival infantil Miúdo Fest e da programación do Centro Sociocultural As Pedriñas e da Sala Rebullón. Tamén colabora con organizacións deportivas, educativas e sociais do municipio.
En cumprimiento do disposto na Lei Protección de Datos, para o exercicio dos seus dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ao tratamento dos seus datos personais, contidos nas nosas condicións de protección de datos, só ten que responder a este e-mail indicando o seu email no asunto, ou ben a través do envío de un correo ordinario a la dirección: Avd. Rebullón 23. Se desexa darse de baixa tamén pode premer aquí.