logosMonteSala.png

O directo demoledor de Grande Amore, este sábado na Rebullón

    • Grande Amore descargará o seu rock urxente e enérxico este sábado 10, ás 22:30 horas, desde 15 €, xunto ao dúo portugués IBSXJAUR
    • Moita cultura esta finde na Rebullón: o venres ás 19h, o II festival emerxente Reburban Xuvenil; o sábado ás 13h, a Banda de Música Cultural de Barbadás; e o domingo, a obra de teatro “A leira”

Mos, 7 de octubre de 2026.- Grande Amore é, sen lugar a dúbidas, o proxecto máis ruidoso, enerxético e sen filtros da súa xeración. E con premios e o apoio do público, labrouse un espazo único na escena galega e estatal. Agora, logo de tres traballos publicados, Grande Amore súbese ao escenario da Rebullón xunto ao dúo portugués IBSXJAUR, este sábado 10 ás 22:30 horas desde 15 euros en anticipada, 18 € na billeteira, á venda online e na cantina do CSCD As Pedriñas. 
 
Formado por Nuno Pico, Clara Redondo e María Solís, Grande Amore destaca por unha visceralidade rock, punk, electro e metal industrial, e unha actitude rebelde e inconformista. O seu son é demoledor: ruído, ritmos acelerados e unha distorsión cos que o grupo colleitou un recoñecemento incontestable, gañando galardóns de prestixio como o Premio Martín Códax da Música en 2022 ou o Premio MIN ao Mellor Álbum en Galego en 2024.
 
O seu último traballo discográfico, titulado III, supón un salto definitivo cara ao rock and roll máis extremo, sucio e directo. Composto por dez cancións orixinais máis unha acelerada versión de «Maldita sea mi suerte» de Los Suaves, o álbum traslada con mestría e fidelidade a masa sonora compacta dos seus concertos ao formato de estudio. Entre os seus novos temas destaca o sinxelo «Ontes fun moi malo», un tema rápido e potente con influencias do glam e do punk que reflexiona con retranca e enerxía sobre as horas de resaca e a culpa.
 
Xunto a Grande Amore, o público que se achegue á Rebullón na noite do sábado gozará da electrónica underground do dúo luso IBSXJAUR, formado pola cantautora pop JAUR e o produtor INFRABASSESATURE. Techno, drum and bass e hyperpop cun toque melódico e cru, e un directo explosivo e electrizante.

GRANDE AMORE
IBSXJAUR

Reburban Xuvenil
A fin de semana chega ben cargada de cultura na Rebullón. Comeza este venres co festival emerxente Reburban Xuvenil, unha cita que ofrece oportunidades e visibilidade a novos artistas e tamén un espazo de lecer accesible á mocidade de Mos e da área de Vigo, con música en directo e bo ambiente.
 
O cartel inclúe cinco artistas principais Anxote, Cochito, Dalo Guezeta, X4VI e Edu ML, sen desbotar a posibilidade de “algunha sorpresiña” durante a noite, segundo adianta a organización. A cita comeza ás 19:00 horas deste venres 9, con entradas a 5 euros en anticipada a través do perfil de Instagram do evento, ou 7 euros na billeteira.

Banda de música cultural de Barbadás
Ao día seguinte, sesión vermú na sala Rebullón da man da Banda de Música Cultural de Barbadás, o sábado 10 ás 13 horas con acceso de balde. É unha das agrupacións musicais de referencia no municipio ourensán e combina repertorio tradicional, pezas populares e propostas máis contemporáneas. Ademais dos seus concertos, a formación contribúe á dinamización cultural e á promoción da música entre as novas xeracións a través da escola municipal, que conta con máis de 200 alumnos e alumnas integrados en distintas agrupacións, incluída a propia banda.
 

O domingo, teatro
A fin de semana conclúe con “A leira”, obra de Lisi da Silva representada por Fontevella Teatro baixo a dirección de Chelo Pampillón. A obra é unha comedia para todos os públicos. O público achegarase á leira de Rogelio, que garda un segredo e unha pregunta: canto pode cambiar unha familia se de súpeto aparece un tesouro nas súas vidas? A resposta, este domingo 11, a partir das 19 horas, con entrada por billeteira inversa.

FONTEVELLA

 
A sala Rebullón
Xestionada pola Comunidade de Montes de Tameiga, a sala Rebullón converteuse nunha referencia para os espectáculos escénicos e musicais en Galicia desde a súa inauguración no ano 2017. Desde entón, alzouse con dous premios Martín Códax da Música á mellor sala de concertos, no 2023 e no 2025, segundo a votación dos socios e socias de Músicas ao Vivo.  
 
A Rebullón é un proxecto cultural centrado fundamentalmente nos concertos, pero no que tamén se programan sesións de cinema, danza ou teatro, conferencias, actividades infantís ou presentacións de libros. A súa  versatilidade é unha das principais características deste espazo, configurado e definido por técnicos profesionais para lograr unha acústica e funcionalidade apta para acoller ao mellor da escena cultural galega.
 
A Comunidade de Montes de Tameiga
A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tameiga (Mos) é unha entidade sen ánimo de lucro conformada por máis de 400 familias que xestiona actualmente 90 hectáreas de superficie forestal veciñal para conseguir beneficios medioambientais, sociais e económicos para a poboación. O seu obxectivo principal é a defensa e protección do patrimonio común.  
 
Xestiona os recursos acuíferos do territorio en beneficio da veciñanza comuneira e dispón dunha comunidade enerxética que reparte 350 pedidos anuais de 3 m3 de biomasa cada un, a prezo de custe. Ademais, a entidade é titular dun viveiro de empresas e do polígono industrial de Monte Faquiña, con 20 naves industriais, que conta con instalacións fotovoltaicas que permiten un autoconsumo individual, abaratando os custes de produción e mellorando a competitividade das empresas.
 
Por outra banda, a Comunidade de Montes de Tameiga desenvolve unha intensa actividade sociocultural, a través da organización do festival infantil Miúdo Fest e da programación do Centro Sociocultural As Pedriñas e da Sala Rebullón. Tamén colabora con organizacións deportivas, educativas e sociais do municipio.