logosMonteSala.png

O recoñecido músico folk Xosé Liz presenta na Rebullón o seu novo proxecto: “Indala”

 

  • O músico, de recoñecido prestixio no ámbito do folk, estrearase con “Indala”, a súa mirada sobre a música tradicional galega

  • O concerto será este domingo 25 ás 19 horas, con entradas desde 12 euros, e varios artistas convidados para a ocasión

Mos, 21 de maio de 2025.- Xosé Liz leva máis de dúas décadas adicadas á música tradicional. Nesta viaxe sonora, agora dá un salto adiante con “Indala”, o seu novo proxecto musical, que verá a luz por primeira vez este domingo na Sala Rebullón.

Ao longo da súa traxectoria, como músico e docente, o vigués gañou un merecido prestixio, tanto a nivel estatal como internacional, no ámbito da música folk e celta. O seu percorrido levouno a formar parte de producións como as de Susana Seivane, Rodrigo Romaní, Cristina Pato, Sondeseu ou Anxo Lorenzo, entre moitas outras.

Ademais, Xosé Liz é un habitual de festivais de referencia no folk, como o Intercéltico de Lorient, o festival de Ortigueira, o Celtic Connection de Glasgow ou o Piping Live, en Irlanda. Trátase, polo tanto, dunha das figuras musicais máis prolíficas do país.

Liz destaca por ter participado nos inicios de grandes bandas folk galegas, como Lizgairo, Riobó, Beladona ou Entretrastres, obtendo con elas o recoñecemento de público e crítica. No 2018, decidiuse a lanzar o seu primeiro traballo en solitario, carreira que continuou con éxito.

Agora, con “Indala”, Xosé Liz dá un paso máis na súa viaxe sonora pola música tradicional galega, sobre a que pon unha mirada moi persoal cunha nova proposta íntima e profunda.

A presentación de “Indala” terá lugar este domingo, 25 de maio, na Sala Rebullón. O concerto contará con varios artistas convidados e comezará ás 19 horas, con entradas desde 12 euros en anticipada, 14 na billeteira, á venda online e na cantina do CSCD As Pedriñas.