logosMonteSala.png

A xira 40º aniversario de Potato, pioneiros do ska e do reggae en España, fai parada este sábado na Rebullón

   • Os de Vitoria-Gasteiz, que ademais chegan con novo traballo, “Todavía hay quien resiste”, actúan este sábado 28 ás 20:30 horas desde12 €
    • Xunto a Potato, o sábado presentará novo disco Loita Amada, o último proxecto de Jásper, voz esencial da canción protesta galega

Mos, 25 de febreiro de 2026.- A mítica banda Potato desembarca este sábado na Rebullón xunto aos galegos Loita Amada, unha noite de reggae, ska, punk e rock festivo e reinvidicativo, este sábado 28 a partir das 20:30 horas, con entradas a 12 euros á venda online e na cantina do CSCD As Pedriñas. 
 
Potato é unha banda histórica e de referencia por méritos propios, que xurdiu a mediados dos oitenta reivindicando o “Euskadi tropical”, unha divertida e anárquica alternativa ao punki radical encarnado por formacións como Eskorbuto, Kortatu ou La Polla Records. 
 
Pioneiro do ska-reggae en España, o grupo leva catro décadas rubricando cancións combativas cun son xa lendario, mantendo sempre intacto o seu espírito irreverente e festivo. Así o amosan no seu último traballo, cun título que resume case que a súa actitude vital, “Todavía hay quien resiste”, co que están a xirar por salas míticas da península, como a Copernico de Madrid ou a Razzmatazz de Barcelona. 
 
Ata este novo traballo, a banda abriu no Estado un camiño percorrido logo por outras bandas. Cunha decena de discos editados e centos de concertos por toda a xeografía, con temas convertidos en himnos como  “Miguelín el Cashero”, “Rula”, “Jamaika Ska” ou “Derroche”, da que fixeron unha regravación especial polo aniversario.
 
Completando o cartel do sábado na Rebullón estará Loita Amada, o proxecto liderado por Jásper tras unha longa traxectoria en bandas de referencia como Xenreira, A Matraka Perversa ou NAO. Nacida da canción protesta galega, Loita Amada propón un son actual que leva esa tradición cara a novas sonoridades, cun directo intenso que é ao tempo berro de resistencia e chamada á acción.
 
O grupo presenta o seu terceiro disco, “Resistir é vencer”, once cortes nos que plasma a súa poesía revolucionaria sobre unha base de rock duro con variadas influencias como punk, folk, metal, reggae, ska, pop, tradicional... A temática tratada vai desde a pasividade de Europa fronte ao xenocidio do pobo palestino e a impotencia experimentada no activismo político e musical, ata a dignificación do legado dos nosos avós e avoas, sempre deixando espazo para o amor. 
  
O novo disco de Loita Amada contou con colaboracións artísticas de luxo: Nuno Pico (Grande Amore), «o da Gándara», Hartiz Zabaleta (Ameba), Luken Arkarazo (Odolaren Mintzoa), Mini Rivas (Fuxan os ventos), Xiana Lastra (A banda da loba), Vituco Neira (RuxeRuxe), Tanxugueiras e o trikitilari Joseba Tapia. 
 
O concerto do sábado de Potato e Loita Amada converte á Sala Rebullón nun lugar de encontro entre xeracións e xeografías unidas por música tan divertida como combativa. O público poderá gozar dunha noite na que se dan a man o legado pioneiro do reggae e o ska en España e a nova vaga da música galega de carácter reivindicativo.