logosMonteSala.png

Punto e final ao ciclo de Solpores da Rebullón cunha cita dobre: Quant + Tesouro

  • Os Solpores da Rebullón remata un ano máis e tralo paso de 12 bandas, consolídase como unha cita de referencia no panorama musical, coa súa edición máis numerosa en asistencia.

  • Quant e Tesouro poran o broche final ao escenario do CSCD As Pedriñas.

Mos, 28 de agosto de 2025.-

O ciclo cultural Os Solpores da Rebullón aproxímase ao seu remate coa última cita do mes de agosto. Seguindo coa filosofía das propostas ata o momento, contamos nesta ocasión con dúas propostas con moita traxectoria, unha en solitario e outra en formato banda. Estando moi pendentes das condicións climáticas, a organización decidirá no último momento se celebrar o concerto no escenario exterior do CSCD As Pedriñas ou se facelo no escenario da galardoada Sala Rebullón. Ponse punto e final a un ciclo musical de dous meses polo que pasaron: As Darbukas Dacolá, Sr. Salvaje, Claudio H., Sideburn, Pink Porris, Three Soul, Quique Gómez & Curro Serrano, Anxo Araújo, The Brooklyn Gorillas e por último Six Legged Elephant.

Oscar Quant é un dos nomes máis sólidos e recoñecibles da música rock en galego das últimas dúas décadas. Coa súa poderosa voz e a súa presenza carismática no escenario, consolidouse como unha peza fundamental da escena musical contemporánea.

Tesouro é unha das propostas máis sólidas e coñecidas do panorama musical galego, un proxecto que sempre estivo ligado á calidade, ás boas cancións e á conexión directa co público. Dirixida polo cantante e compositor Carlos Rego, a banda leva anos consolidándose como un referente grazas a un son que navega entre o pop-rock máis melódico e as baladas de profundo calado emocional, sempre coas letras en galego como bandeira.

Con esta iniciativa, Os Solpores da Rebullón pecha unha das tempadas con máis afluencia de público, que non se cansou de encher a terraza do centro cultural cada concerto, apostando pola música en directo e colaboranco con cada banda coa billeteira inversa.