Este sábado, festival solidario Pro-Palestina con xantar popular e seis
grandes artistas galegos
• A xornada comeza ás 14 horas coa churrascada popular amenizada por Zurrumalla e Terra Meiga; e ás 20 h, Hugo Guezeta, Guadi Galego, Michu da Rocha e Sun Iou
• Toda a recadación destinarase a apoiar a loita pola liberdade do pobo de Palestina, con entradas desde 12 € e fila 0 para quen queira colaborar
• E o venres 30, ás 22 h, os alemáns Riot in the Attic: rock psicodélico e stoner avalado por unha década de enerxía e un millón de reproducións
Mos, 28 de octubre de 2026.- Este sábado, xornada solidaria en Tameiga en apoio á causa Palestina, en colaboración co centro social A Pedreira e con Represaliadas Volta Ciclista. O festival Pro-Palestina comeza este sábado 31 ás 14 horas con churrascada popular no CSCD As Pedriñas, amenizada polo folclore de Zurrumalla e de Terra Meiga. E, a partir das 20 horas, catro actuacións de moito nivel na Rebullón: Hugo Guezeta, Guadi Galego, Michu da Rocha e Sun Iou.
Quen queira apoiar a causa solidaria deste festival, pode facelo mercando unha entrada de 25 € para o xantar popular e os concertos, un pase para as actuacións da noite (por 12 € en anticipada ou 15 € na billeteira) ou un ticket Fila 0, sen acceso aos concertos. As entradas xa están á venda na cantina do CSCD As Pedriñas e online. Toda a recadación irá destinada a sufragar os gastos da loita palestina en Galiza e en Palestina.
HUGO GUEZETA
Hugo Guezeta é un dos principais representantes do rap en Galicia. Tras ser unha das cabezas visibles de SonDaRúa, considerado un dos grandes grupos da historia do rap galego, iniciou unha carreira en solitario que mantivo unha traxectoria ascendente. O seu último álbum, O Noso Tempo supera as medio millón de reproducións e consolidouse como un dos discos en galego máis destacados do ano. Recoñecido polas súas letras reivindicativas e a súa influencia nas novas xeracións, combina hip hop clásico e melodías de reggae, o que o sitúa entre os artistas máis versátiles do movemento urbano.
GUADI GALEGO
Guadi Galego é outro nome que non necesita presentación na escena galega. A súa traxectoria musical parte de Berrogüetto —coa que gravou tres discos premiados e recoñecidos internacionalmente— e continuou en solitario con Benzón (2009). Explorou o folk, a canción de autor e as sonoridades pop en numerosos, acumulando galardóns como o Premio Martín Códax á Mellor Artista de Canción de Autor. Tras a xira de Roibén e o espectáculo Síntese Horizonte, cuxa última actuación tivo lugar en outubro de 2025, a artista abre agora un novo capítulo despois dunha pausa indefinida.
MICHU DA ROCHA
Michu da Rocha chegará con “Tempos de entroidar”, no que a festa convértese en trincheira e o humor nunha forma de resistencia. Michu e os seus compinches mesturan rock, funk e garage con letras que van da risa á reflexión, sen perder o ritmo nin a retranca. Hai crítica e baile; hai ironía e suor. “Tempos de entroidar” é un retrato do que somos cando deixamos de aparentar: un pobo que canta, que se ri de si mesmo e que segue adiante, aínda que todo arda arredor.
SUN IOU
Sun Iou vén de lanzar este ano “Egos”, un longa duración que consolida este proxecto musical de tradición popular, punk-rock e electrónica cunha ollada contemporánea, combativa e feminina. Con oito persoas en escena, o grupo constrúe un directo potente e ritual, onde conviven gaitas, voces corais, bases electrónicas e moita actitude. As súas letras falan de identidade, resistencia, memoria e dignidade, reivindicando o galego e o colectivo como lugar de forza. Un grupo para bailar, pensar e cantar xuntas.
RIOT IN THE ATTIC
Este venres, a sala Rebullón recibe unha descarga de enerxía rock e actitude punk chegada desde Alemaña. Riot in the Attic, este venres 30, ás 22 horas, desde 15 € en anticipada, 18 € na billeteira, á venda na cantina do CSCD As Pedriñas e online, xunto aos locais Electric Läger.
Riot in the Attic leva máis dunha década defendendo un rock directo e sen concesións, ata converterse nunha das propostas máis contundentes do rock europeo actual, con tres discos editados e máis dun millón de reproducións no seu haber.
Riot in the Attic une o rock psicodélico e stoner cun hard rock, grunge e algo de rock & roll clásico. No escenario, os alemáns son actitude punk, enerxía rock e un directo sen concesións. Hai dous anos lanzaron o seu terceiro traballo, “Human”, co que xiraron por Europa.
O público que suba o venres á Rebullón tamén gozará do rock de Electric Läger. Os do Porriño descargan un son electrizante que bebe dos 70’s con ecos dos 90’s, impulsado pola procura constante de emoción, diversión e satisfacción.
RIOT AT THE ATTIC
A sala Rebullón
Xestionada pola Comunidade de Montes de Tameiga, a sala Rebullón converteuse nunha referencia para os espectáculos escénicos e musicais en Galicia desde a súa inauguración no ano 2017. Desde entón, alzouse con dous premios Martín Códax da Música á mellor sala de concertos, no 2023 e no 2025, segundo a votación dos socios e socias de Músicas ao Vivo.
A Rebullón é un proxecto cultural centrado fundamentalmente nos concertos, pero no que tamén se programan sesións de cinema, danza ou teatro, conferencias, actividades infantís ou presentacións de libros. A súa versatilidade é unha das principais características deste espazo, configurado e definido por técnicos profesionais para lograr unha acústica e funcionalidade apta para acoller ao mellor da escena cultural galega.
A Comunidade de Montes de Tameiga
A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tameiga (Mos) é unha entidade sen ánimo de lucro conformada por máis de 400 familias que xestiona actualmente 90 hectáreas de superficie forestal veciñal para conseguir beneficios medioambientais, sociais
e económicos para a poboación. O seu obxectivo principal é a defensa e protección do patrimonio común.
Xestiona os recursos acuíferos do territorio en beneficio da veciñanza comuneira e dispón dunha comunidade enerxética que reparte 350 pedidos anuais de 3 m3 de biomasa cada un, a prezo de custe. Ademais, a entidade é titular dun viveiro de empresas e do polígono industrial de Monte Faquiña, con 20 naves industriais, que conta con instalacións fotovoltaicas que permiten un autoconsumo individual, abaratando os custes de produción
e mellorando a competitividade das empresas.
Por outra banda, a Comunidade de Montes de Tameiga desenvolve unha intensa actividade sociocultural, a través da organización do festival infantil Miúdo Fest e da programación do Centro Sociocultural As Pedriñas e da Sala Rebullón. Tamén colabora con organizacións deportivas, educativas e sociais do municipio.
En cumprimiento do disposto na Lei Protección de Datos, para o exercicio dos seus dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ao tratamento dos seus datos personais, contidos nas nosas condicións de protección de datos, só ten que responder a este e-mail indicando o seu email no asunto, ou ben a través do envío de un correo ordinario a la dirección: Avd. Rebullón 23. Se desexa darse de baixa tamén pode premer aquí.