Amaramar, indie rock desde Compostela, este xoves nos Solpores da Rebullón
• Enerxía indie, sensibilidade poética e identidade galega definen este novo proxecto musical, que vén de editar o seu primeiro disco, “O mar”
• O concerto, este xoves 9 a partir das 21 horas no escenario exterior da Rebullón, no CSCD As Pedriñas, con acceso por billeteira inversa
• Amaramar ofrecerá o segundo directo do ciclo estival Solpores da Rebullón, once concertos ao aire libre nos meses de xullo e agosto
Mos, 8 de xullo de 2026.- Despois da boa acollida do primeiro dos Solpores, o festival continúa mañá xoves coa actuación de Amaramar, unha banda de indie rock formada no 2024 en Compostela que está a medrar coa súa mestura de guitarras distorsionadas, atmosferas electrónicas e melodías directas e poéticas, cun imaxinario artístico profundamente vencellado ao mar.
De feito, “O mar” é o título do seu primeiro traballo, editado a finais do ano pasado, disco que o cuarteto continúa presentando en directo dentro e fóra de Galicia. Como parte da súa xira atópase o concerto de mañá nos Solpores da Rebullón: Amaramar, este xoves 9, a partir das 21:00 horas, no escenario exterior da Rebullón, no CSCD As Pedriñas, con acceso por billeteira inversa.
Formado por Enric (voz e guitarra), Julia (batería), Roi (guitarra) e Darío (baixo), Amaramar está a consolidarse como unha das propostas emerxentes máis prometedoras da escena indie galega, como amosa que xa compartiran escenario con artistas do nivel de Carlos Sadness ou Barry B, con quen presentaron o seu primeiro disco na Sala Capitol de Santiago de Compostela.
Mañá xoves, os Solpores da Rebullón ofrecen a Mos e a toda a área metropolitana viguesa a oportunidade de descubrir a un grupo en efervescencia, que representa coa súa música o mar galego, sucado pola sensabilidade das súas letras e un son vibrante e explosivo que conecta e divirte ao público.
AMARAMAR
Solpores da Rebullón
Este ano, a Comunidade de Montes de Tameiga fai medrar os Solpores da Rebullón, o tradicional ciclo estival de concertos ao aire libre, a última hora da tarde, no exterior do centro sociocultural As Pedriñas, con acceso por billeteira inversa.
Once citas, trece grupos distintos de todos os estilos durante os meses de xullo e agosto, con directos todas as semanas, sempre en pleno solpor. Un plan perfecto para gozar da mellor música nun entorno idóneo. A continuación, o programa completo deste verán:
• Mércores, 1 de xullo: JAY & THE SMOKING MACHINES
• Xoves, 9 de xullo: AMARAMAR
• Mércores, 15 de xullo: ZAPOITXO!
• Xoves, 16 de xullo: FILLOAS
• Xoves, 23 de xullo: KARMA ANIMAL + 6LE
• Xoves, 30 de xullo: GOOD GOD!
• Xoves, 6 de agosto: LENI PEREZ & SEKADRA
• Mércores, 12 de agosto: ECLIPSOUND
• Xoves, 13 de agosto: CHOP CHOP
• Xoves, 20 de agosto: EXERIA
• Xoves, 27 de agosto: DO ROXO PRESBIÇIAN.
A sala Rebullón
Xestionada pola Comunidade de Montes de Tameiga, a sala Rebullón converteuse nunha referencia para os espectáculos escénicos e musicais en Galicia desde a súa inauguración no ano 2017. Desde entón, alzouse con dous premios Martín Códax da Música á mellor sala de concertos, no 2023 e no 2025, segundo a votación dos socios e socias de Músicas ao Vivo.
A Rebullón é un proxecto cultural centrado fundamentalmente nos concertos, pero no que tamén se programan sesións de cinema, danza ou teatro, conferencias, actividades infantís ou presentacións de libros. A súa versatilidade é unha das principais características deste espazo, configurado e definido por técnicos profesionais para lograr unha acústica e funcionalidade apta para acoller ao mellor da escena cultural galega.
A Comunidade de Montes de Tameiga
A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tameiga (Mos) é unha entidade sen ánimo de lucro conformada por máis de 400 familias que xestiona actualmente 90 hectáreas de superficie forestal veciñal para conseguir beneficios medioambientais, sociais
e económicos para a poboación. O seu obxectivo principal é a defensa e protección do patrimonio común.
Xestiona os recursos acuíferos do territorio en beneficio da veciñanza comuneira e dispón dunha comunidade enerxética que reparte 350 pedidos anuais de 3 m3 de biomasa cada un, a prezo de custe. Ademais, a entidade é titular dun viveiro de empresas e do polígono industrial de Monte Faquiña, con 20 naves industriais, que conta con instalacións fotovoltaicas que permiten un autoconsumo individual, abaratando os custes de produción
e mellorando a competitividade das empresas.
Por outra banda, a Comunidade de Montes de Tameiga desenvolve unha intensa actividade sociocultural, a través da organización do festival infantil Miúdo Fest e da programación do Centro Sociocultural As Pedriñas e da Sala Rebullón. Tamén colabora con organizacións deportivas, educativas e sociais do municipio.
En cumprimiento do disposto na Lei Protección de Datos, para o exercicio dos seus dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ao tratamento dos seus datos personais, contidos nas nosas condicións de protección de datos, só ten que responder a este e-mail indicando o seu email no asunto, ou ben a través do envío de un correo ordinario a la dirección: Avd. Rebullón 23. Se desexa darse de baixa tamén pode premer aquí.