Zapoitxo! e Filloas: dous artistas con selo propio nos Solpores da Rebullón
• Zapoitxo!, “home orquestra canalla e festivo”, ofrecerá o seu singular espectáculo musical e divertido mañá mércores ás 21 horas.
• Filloas, unha das propostas máis interesantes da nova escena sonora galega, subirá ao escenario exterior da Rebullón este xoves ás 21 horaS.
Mos, 14 de xullo de 2026.- Esta semana, os Solpores da Rebullón ofrecen dúas oportunidades de gozar da mellor música ao aire libre, e con acceso polo sistema de billeteira inversa. Zapoitxo! trae ao CSCD As Pedriñas o seu espectáculo fresco e enerxético mañá mércores ás 21 h, mentres que Filloas descargará o seu hyperpop en galego ao día seguinte, o xoves ás 21 horas.
Zapoitxo! é un proxecto galego, moi singular e moi recoñecible, conformado por un “home orquestra canalla e festivo” que combina a música, a interpretación, a retranca e unha enerxía única coa que logra conectar co público.
A nivel musical, o artista destaca pola súa mestura de cello, guitarra, percusións e voz, interpretando con humor tanto cancións propias como algunha que outra versión cun toque retranqueiro. O ano pasado, Zapoitxo! ofreceu preto de medio centenar de concertos por boa parte da xeografía estatal, desde Galiza ata Catalunya, froito do seu bo facer e a boa acollida do público.
Este ano, Zapoitxo! atópase inmerso na súa “Esmorga Tour 2026”, con máis de vinte datas xa pechadas. Entre elas, o concerto de mañá nos Solpores da Rebullón: Zapoitxo!, este mércores 15 ás 21 horas por billeteira inversa, no escenario exterior da Rebullón, no CSCD As Pedriñas.
ZAPOITXO!
Filloas, pola súa banda, regresará o xoves a Tameiga co seu hyperpop en galego e un traballo moi recente –presentado en maio na Rebullón– baixo o brazo, “A inesperada virtude da ignorancia”. Sen lugar a dúbidas, trátase dunha das propostas máis interesantes da nova escena sonora galega, con base en ritmos clásicos como o punk e outros máis actuais como o hyperpop ou o trap.
O pop urbano en galego é o selo de identidade de Filloas, unha linguaxe musical propia que suma sons moi contemporáneos e bailables a unha lírica profundamente xeracional. A autenticidade das súas letras procede das propias experiencias e sentimentos do artista, das súas reflexións persoais e das inquedanzas que comparte coa súa xeración: a saúde mental, as relacións persoais ou as referencias á cultura pop e Internet.
A música de Filloas é o reflexo da súa vida e do seu tempo, máis cun toque bailable e moi divertido. É quen de sacar un sorriso ao público e de levantalo da súas cadeiras e poñelo a bailar. Filloas, este xoves 16 ás 21 horas, por billeteira inversa, no escenario exterior da Rebullón, no CSCD As Pedriñas.
FILLOAS
Solpores da Rebullón
Este ano, a Comunidade de Montes de Tameiga fai medrar os Solpores da Rebullón, o tradicional ciclo estival de concertos ao aire libre, a última hora da tarde, no exterior do centro sociocultural As Pedriñas, con acceso por billeteira inversa.
Once citas, trece grupos distintos de todos os estilos durante os meses de xullo e agosto, con directos todas as semanas, sempre en pleno solpor. Un plan perfecto para gozar da mellor música nun entorno idóneo. A continuación, o programa completo deste verán:
• Mércores, 1 de xullo: JAY & THE SMOKING MACHINES
• Xoves, 9 de xullo: AMARAMAR
• Mércores, 15 de xullo: ZAPOITXO!
• Xoves, 16 de xullo: FILLOAS
• Xoves, 23 de xullo: KARMA ANIMAL + 6LE
• Xoves, 30 de xullo: GOOD GOD!
• Xoves, 6 de agosto: LENI PEREZ & SEKADRA
• Mércores, 12 de agosto: ECLIPSOUND
• Xoves, 13 de agosto: CHOP CHOP
• Xoves, 20 de agosto: EXERIA
• Xoves, 27 de agosto: DO ROXO PRESBIÇIAN.
A sala Rebullón
Xestionada pola Comunidade de Montes de Tameiga, a sala Rebullón converteuse nunha referencia para os espectáculos escénicos e musicais en Galicia desde a súa inauguración no ano 2017. Desde entón, alzouse con dous premios Martín Códax da Música á mellor sala de concertos, no 2023 e no 2025, segundo a votación dos socios e socias de Músicas ao Vivo.
A Rebullón é un proxecto cultural centrado fundamentalmente nos concertos, pero no que tamén se programan sesións de cinema, danza ou teatro, conferencias, actividades infantís ou presentacións de libros. A súa versatilidade é unha das principais características deste espazo, configurado e definido por técnicos profesionais para lograr unha acústica e funcionalidade apta para acoller ao mellor da escena cultural galega.
A Comunidade de Montes de Tameiga
A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tameiga (Mos) é unha entidade sen ánimo de lucro conformada por máis de 400 familias que xestiona actualmente 90 hectáreas de superficie forestal veciñal para conseguir beneficios medioambientais, sociais
e económicos para a poboación. O seu obxectivo principal é a defensa e protección do patrimonio común.
Xestiona os recursos acuíferos do territorio en beneficio da veciñanza comuneira e dispón dunha comunidade enerxética que reparte 350 pedidos anuais de 3 m3 de biomasa cada un, a prezo de custe. Ademais, a entidade é titular dun viveiro de empresas e do polígono industrial de Monte Faquiña, con 20 naves industriais, que conta con instalacións fotovoltaicas que permiten un autoconsumo individual, abaratando os custes de produción
e mellorando a competitividade das empresas.
Por outra banda, a Comunidade de Montes de Tameiga desenvolve unha intensa actividade sociocultural, a través da organización do festival infantil Miúdo Fest e da programación do Centro Sociocultural As Pedriñas e da Sala Rebullón. Tamén colabora con organizacións deportivas, educativas e sociais do municipio.
En cumprimiento do disposto na Lei Protección de Datos, para o exercicio dos seus dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ao tratamento dos seus datos personais, contidos nas nosas condicións de protección de datos, só ten que responder a este e-mail indicando o seu email no asunto, ou ben a través do envío de un correo ordinario a la dirección: Avd. Rebullón 23. Se desexa darse de baixa tamén pode premer aquí.