Finalistas no 2024 no concurso de música xuvenil “Quero Cantar”, Interestelares está composto por rapazas e rapaces músicos de entre trece e quince anos, que montaron unha banda para ofrecer ao público unha proposta musical chea de paixón e autenticidade, con cancións propias que falan da súa realidade e inquedanzas. A amizade, o compromiso social, o amor pola lingua e cultura propias, e a natureza son algunhas das temáticas que inspiran a música da banda, expresadas nunha linguaxe pop-rock.
|
|
Paco Nogueiras é, sen dúbida algunha, un dos grandes da música infantil en Galicia. Con varios libros-cd editados e máis de media ducia de espectáculos, Paco Nogueiras levará ao Miúdo o seu “C@nto contigo”, un percorrido polos seus grandes éxitos para sacar a lingua a voar de xeito lúdico e divertido.
Haberá retrousos e cancións para que o público participe activamente, bailando sen complexos, acompañando coa voz, coas palmas ou con acenos. Paco Nogueiras chega a Tameiga acompañado dos seus instrumentos e un amplo abano de estilos musicais, dende o techno ao rock, pasando polo reggae ou a música electrónica, sen esquecer as influencias tradicionais.
|
|
Por último, Collón de Lola é unha banda de versións rock das cancións do Xabarín Club. Desde 2011, os seis músicos (procedentes de diferentes lugares de Galicia, como Ferrol, Tui, Santiago, Pontevedra e ata de Francia ou Polonia) levan embarcados na procura do limbo onde o bocata de nocilla, o rock´n´roll e as series de televisión son as protagonistas. Os seis teñen influencias musicais do máis diversas, pero todos eles teñen en común unha única relixión: o Xabarín Club.
|
|
Música para escolares e para bebés
Aínda que o sábado é o día grande, o cartaz completo do Miúdo Fest prolóngase durante catro xornadas, co obxectivo de que a rapazada de calquera idade poida gozar da música.
Así, este mesmo xoves 15, Paco Cerdeira, “Pakolas”, visitará as aulas do CEIP Pena de Francia, onde levará o seu amplo universo musical, sempre de esencia ben rockeira.
Ao día seguinte, o venres 16 será o alumnado do IES de Mos o que se achegará ata a Sala Rebullón, para presenciar a actuación de Cintaadhesiva, unha mestura de arte, poesía, música electrónica e pensamento crítico, unha vivencia sensorial e comprometida con selo propio, perfecto para estimular a estudantes de instituto.
E por último, o domingo 18 de maio, ás 18 horas, o Miúdo pecha a súa novena edición con Pitiminí, un espectáculo sensorial para crianzas e familias. Música, danza e poesía nun ambiente acolledor, da man de Davide González e Iria Pinheiro. Terá lugar na Sala Rebullón, sendo a única actuación con entrada do festival, a un prezo de seis euros, que pode mercarse xusto antes do concerto.
|
|
A sala Rebullón
Xestionada pola Comunidade de Montes de Tameiga, a sala Rebullón converteuse nunha referencia para os espectáculos escénicos e musicais en Galicia desde a súa inauguración no ano 2017. Alzouse co Premio Martín Códax da Música 2023 á mellor sala de concertos, segundo a votación dos socios e socias de Músicas ao Vivo.
A Rebullón é un proxecto cultural centrado fundamentalmente nos concertos, pero no que tamén se programan sesións de cinema, danza ou teatro, conferencias, actividades infantís ou presentacións de libros. A súa versatilidade é unha das principais características deste espazo, configurado e definido por técnicos profesionais para lograr unha acústica e funcionalidade apta para acoller ao mellor da escena cultural galega.
A Comunidade de Montes de Tameiga
A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tameiga (Mos) é unha entidade sen ánimo de lucro conformada por máis de 400 familias que xestiona actualmente 90 hectáreas de superficie forestal veciñal para conseguir beneficios medioambientais, sociais e económicos para a poboación. O seu obxectivo principal é a defensa e protección do patrimonio común.
Xestiona os recursos acuíferos do territorio en beneficio da veciñanza comuneira e dispón dunha comunidade enerxética que reparte 350 pedidos anuais de 3 m3 de biomasa cada un, a prezo de custe. Ademais, a entidade é titular dun viveiro de empresas e do polígono industrial de Monte Faquiña, con 20 naves industriais, que conta con instalacións fotovoltaicas que permiten un autoconsumo individual, abaratando os custes de produción e mellorando a competitividade das empresas.
Por outra banda, a Comunidade de Montes de Tameiga desenvolve unha intensa actividade sociocultural, a través da organización do festival infantil Miúdo Fest e da programación do Centro Sociocultural As Pedriñas e da Sala Rebullón. Tamén colabora con organizacións deportivas, educativas e sociais do municipio.
|
|
|
|