logosMonteSala.png

Samaín en Tameiga: talleres infantís, contos, castañas, rock e karaoke, de balde!

  • Este venres, o Samaín chega a Tameiga cunha gran festa: para a cativada, talleres de galletas misteriosas e decoración embruxada ás 17h, e “Contos, castañas e teas de araña”, con Marta Ortíz, ás 19 horas.

 

  • Ás 23:30h, continúa a festa coas mellores cancións do rock en vivo, da man da Fuss Cover Band na Rebullón e, ao remate, sesión karaoke.

 

  • O sábado 1 de novembro, a Rebullón estrea o mes cun dobre concerto: as actuacións de Pablo y los Ciervos Dorados e de Sara Gimeno.

Mos, 28 de outubro de 2025.- A Comunidade de Montes de Tameiga volve celebrar este venres 31 o tradicional Samaín cunha festa por todo o alto, completamente de balde, e propostas divertidas tanto para a cativada como para público adulto. E desta volta, a programación conta coa colaboración da Asociación MoskaRock. 

A xornada do venres en Tameiga comeza ás 17 horas con dous talleres infantís. No primeiro, a rapazada poderá preparar as súas propias galletas, as máis monstrosamente ricas e misteriosas; no segundo, no obradoiro ensinarase a facer uns pequenos e embruxados elementos decorativos do Samaín, que poderán levar ás súas casas. 

Despois dos talleres, a festa de Samaín continúa para o público infantil, cunha proposta deliciosa. A partir das 19 horas, a narradora Marta Ortíz presentará o seu “Contos, castañas e teas de araña”, un contacontos moi singular para degustar xunto cunha castañada. Contos de medo que dan risa, contos de risa que acaban dando algo de medo; uns cantados, outros tradicionais e algúns inventados, todos eles deseñados para escoitar comendo castañas na noite de Samaín. 

O contacontos pon un breve punto e seguido á programación do Samaín. E para as familias que queiran prolongar a xornada, Tameiga propón probar unha cena moi especial na cantina encantada do CSCD As Pedriñas, un espazo terrorífico cheo de arañeiras xigantes, morcegos, bruxas e ata piratas. 

A partir das 23:30 horas, a festa continúa coa mellor música en directo na Sala Rebullón. Fuss Cover Band é unha banda de versións que chega desde Cangas con moita enerxía e un repertorio formado por clásicos imprescindibles do rock e do hard rock. Un grupo que de seguro fará cantar e vibrar a todo o público. 

E para quen quede con ganas de máis música e máis cancións, ao remate do concerto, sobre ás 01 horas, dará comezo unha longa sesión de karaoke. O mellor escenario e o mellor catálogo de temas para cantar e gozar en primeira persoa. 

SaraGimeno.png

Sara Gimeno