Mos, 28 de outubro de 2024.- A semana do Samaín chega forte á Rebullón. Para celebrar o mellor da cultura galega, a Comunidade de Montes de Tameiga programa dous eventos: o concerto de Sangre de Muérdago este mércores ás 21 horas e o xoves 31, desde as 18 horas, toda unha gran festa de Samaín.
Sangre de Muérdago actúa este mércores 30, ás 21 horas, co sistema de billeteira inversa (acceso de balde e pago da cantidade que se considere xusta ao remate do concerto). A banda, liderada polo ourensán Pablo Caamiña, está de volta en Galicia logo de terse establecido durante anos en Leipzig, Alemaña, onde acadou o éxito co mellor folc galego e letras no noso idioma.
O grupo leva máis de quince anos na escena, desde que no 2007 sacara á luz o seu primeiro traballo. Desde entón, e partindo do estilo da vella escola do folc galego, forxou o seu son íntimo e delicado en escenarios de todas as cores e de medio mundo, con recoñecido éxito.
A banda tense convertido nun dos expoñentes da divulgación da cultura galega, tanto por estilo musical como polas súas letras. De feito, teñen musicalizado poemas dalgúns dos grandes autores da nosa terra, como Rosalía de Castro, Celso Emilio Ferreiro ou Manuel María.
Sangre de Muérdago chega á Rebullón para presentar o seu último traballo, “O vento que lambe as miñas feridas”, co que está a xirar por España, con datas xa pechadas en cidades como Madrid, Barcelona ou Zaragoza, entre outras.
|
|
E ao día seguinte, este xoves 31, a festa de Samaín desde as 18 horas. Con entrada de balde, a sala Rebullón acollerá A Casa Encantada, o espectáculo cheo de ilusión e humor do Mago Paco. E ademais, quen se achegue a celebrar o Samaín poderá gozar dunha boa chocolatada!
Que atopou o Mago Paco o día que entrou na Casa Encantada? Quen coñeceu alí? Morcegos, o conde Drácula, Frankenstein e un montón de personaxes “espantabulosas” agardan este xoves polo rapaces e rapazas de Mos, nun espectáculo para todas as idades, con moito humor, risas e imaxinación. A mellor forma de pasar un día terroríficamente divertido.
E ao remate, para aquelas persoas que queiran completar unha noite única, na cantina da CSCD As Pedriñas vaise poder probar uns pratos de medo, grazas á cea especial de Samaín. Desde as 21 horas e só con reserva previa.
|
|
A Sala Rebullón
Xestionada pola Comunidade de Montes de Tameiga, a Sala Rebullón converteuse en só seis anos nunha referencia para os espectáculos escénicos e musicais en Galicia. Vén de alzarse co Premio Martín Códax da Música 2023 á mellor sala de concertos, segundo a votación dos socios e socias de Músicas ao Vivo.
A Rebullón é un proxecto cultural centrado fundamentalmente nos concertos, pero no que tamén se programan sesións de cinema, danza ou teatro, conferencias, actividades infantís ou presentacións de libros. A súa versatilidade é unha das principais características deste espazo, configurado e definido por técnicos profesionais para lograr unha acústica e funcionalidade apta para acoller ao mellor da escena cultural galega.
|
|
A Comunidade de Montes de Tameiga
A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tameiga (Mos) é unha entidade sen ánimo de lucro que aglutina a máis de 400 familias comuneiras e xestiona actualmente 90 hectáreas de superficie forestal para conseguir beneficios medioambientais, sociais, enerxécticos e económicos para a súa veciñanza. O seu obxectivo principal é a defensa e protección do patrimonio común.
Xestiona os recursos acuíferos do territorio en beneficio da veciñanza comuneira e dispón dunha comunidade enerxética que reparte 350 pedidos anuais de 3 m3 de biomasa cada un, a prezo de costo. Ademais, a entidade é titular dun viveiro de empresas e do polígono industrial de Monte Faquiña, con máis de 20 naves industriais, que conta con instalacións fotovoltaicas que permiten un autoconsumo individual, abaratando os costes de producción e mellorando a competitividade das empresas.
Por outra banda, a CMVMC de Tameiga desenvolve unha intensa actividade sociocultural, a través da organización do festival infantil Miúdo Fest e da programación do CSCD As Pedriñas e da Sala Rebullón. Tamén colabora con organizacións deportivas, educativas e sociais do municipio.
|
|
|
|