logosMonteSala.png

Dúas obras de teatro profundo e comprometido para pechar o mes na Sala Rebullón

  • Este venres 25, ás 21 horas, “Apego”, de Mutismoa Teatro, aborda os distintos tipos de apego e como nos afectan, unha obra que transita entre a risa e a fraxilidade. 
  • O domingo 27, ás 19 horas, “Anxos abandonados en mosaicos despois do combate”, de Anómico Teatro, unha reflexión antibelicista sobre o que queda despois dos conflitos.

Mos, 23 de setembro de 2026.- A Sala Rebullón pecha o mes de setembro con moito teatro. Esta fin de semana, dous días, dúas compañías e dúas obras que amosan a boa saúde que goza a creación teatral contemporánea. 
 
A primeira chega este mesmo venres 25, ás 21 horas, con “Apego”, da compañía  Mutismoa Teatro, con billeteira inversa. Trátase dunha obra que reflexiona sobre como nos relacionamos, co amor en tempos de redes sociais e a dificultade de manter vínculos estables. A peza –que transita entre a risa e a fraxilidade– sitúa a acción nun vagón de metro, espazo simbólico onde estamos rodeados de xente e, ao mesmo tempo, sós. 
 
“Apego” propón unha exploración teatral nas complexidades do amor contemporáneo a través da teoría dos tipos de apego: evitativo, ansioso, seguro e desorganizado. A obra presenta a tres personaxes que navegan polos seus pensamentos e emocións, convidando ao público a reflexionar sobre o amor nas súas diversas facetas. A obra, producida en colaboración con La Casa del Teatre Nu (Barcelona) e outras salas e escolas de todo o Estado, e forma parte da programación de residencias e festivais como o Teatro Gorrilla (Vigo).

O domingo 27, a partir das 19 horas, e cun prezo único de 8 euros, Anómico Teatro desprega na Sala Rebullón os seus “Anxos abandonados en mosaicos despois do combate”, unha peza escénica que parte dun poemario homónimo para construír un discurso antibelicista e de denuncia da violencia estrutural. 
 
A obra imaxina escenarios de destrución como espellos do desasosego contemporáneo. No centro da proposta aparecen tres figuras simbólicas —o anxo, o pallaso e o soldado— que encarnan, respectivamente, unha alegoría da bondade, un xogo retórico e esperpéntico sobre o propio teatro, e a vítima dunha violencia exercida sen vontade real.
 
Estilisticamente, “Anxos abandonados” mestura performance, poesía, ensaio e elementos visuais para crear estruturas de gran beleza plástica e emocional; unha mirada poética e crítica sobre a guerra, o abandono e a busca dunha conciencia colectiva capaz de atopar beleza mesmo nos restos do conflito.

 
A sala Rebullón
Xestionada pola Comunidade de Montes de Tameiga, a sala Rebullón converteuse nunha referencia para os espectáculos escénicos e musicais en Galicia desde a súa inauguración no ano 2017. Desde entón, alzouse con dous premios Martín Códax da Música á mellor sala de concertos, no 2023 e no 2025, segundo a votación dos socios e socias de Músicas ao Vivo.  
 
A Rebullón é un proxecto cultural centrado fundamentalmente nos concertos, pero no que tamén se programan sesións de cinema, danza ou teatro, conferencias, actividades infantís ou presentacións de libros. A súa  versatilidade é unha das principais características deste espazo, configurado e definido por técnicos profesionais para lograr unha acústica e funcionalidade apta para acoller ao mellor da escena cultural galega.
 
A Comunidade de Montes de Tameiga
A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tameiga (Mos) é unha entidade sen ánimo de lucro conformada por máis de 400 familias que xestiona actualmente 90 hectáreas de superficie forestal veciñal para conseguir beneficios medioambientais, sociais e económicos para a poboación. O seu obxectivo principal é a defensa e protección do patrimonio común.  
 
Xestiona os recursos acuíferos do territorio en beneficio da veciñanza comuneira e dispón dunha comunidade enerxética que reparte 350 pedidos anuais de 3 m3 de biomasa cada un, a prezo de custe. Ademais, a entidade é titular dun viveiro de empresas e do polígono industrial de Monte Faquiña, con 20 naves industriais, que conta con instalacións fotovoltaicas que permiten un autoconsumo individual, abaratando os custes de produción e mellorando a competitividade das empresas.
 
Por outra banda, a Comunidade de Montes de Tameiga desenvolve unha intensa actividade sociocultural, a través da organización do festival infantil Miúdo Fest e da programación do Centro Sociocultural As Pedriñas e da Sala Rebullón. Tamén colabora con organizacións deportivas, educativas e sociais do municipio.