Luís Pastor, este domingo na Rebullón: un canto á memoria, á emoción e
ao compromiso democrático
Luís Pastor actúa con Uxía e Lourdes Guerra na sala Rebullón este domingo 3, ás 18:30 horas, desde 12 euros
Na actuación, Pastor mestura cancións históricas e propias, inspiradas no legado de José Afonso e na forza da Revolución dos Caraveis
O artista é un dos grandes cantautores ibéricos, Medalla de Ouro ao
Mérito nas Belas Artes e Premio Luso-Español de Arte e Cultura
Mos, 29 de abril de 2026.- Este domingo, unha das voces culturais imprescindibles das últimas décadas chega á Rebullón. Luís Pastor actuará xunto con Uxía e Lourdes Guerra como artistas convidadas, unha cita ineludible para quen sente a música como memoria viva, emoción e compromiso. O concerto, este domingo, 3 de maio, ás 18:30 horas, desde 12 euros en anticipada (15 € na billeteira), á venda online e na cantina do CSCD As Pedriñas.
Para a sala Rebullón, o artista preparou un espectáculo único inspirado no legado de José Afonso e na forza da Revolución dos Caraveis, un concerto no que mesturará cancións históricas con creacións propias que falan de liberdade, dignidade e esperanza. Unha viaxe musical entre voces e cancións que unen pasado e presente, emoción e memoria. Porque é máis necesario que nunca cantar para deter o fascismo.
Luís Pastor é cantautor, poeta e compositor, nome esencial da canción protesta antifascista dos anos setenta. Suma máis de vinte discos publicados, unha obra sempre caracterizada pola poética, o compromiso social e a defensa dos valores democráticos. O seu traballo é fundamental para comprender a evolución cultural e política recente en toda a península.
Froito do seu talento e posicionamento a prol da liberdade, Luís Pastor recibiu numerosas distincións, entre as que destacan a Medalla de Extremadura, a Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes outorgada polo Ministerio de Cultura e o Premio Luso-Español de Arte e
Cultura, concedido polos gobernos español e portugués como recoñecemento á súa traxectoria en defensa dos valores democráticos e a súa contribución musical e poética nas transicións á liberdade.
Recentemente, Luís Pastor vén de editar “Extremadura Fado”, un disco co que celebra medio século de carreira rendendo unha profunda homenaxe musical á súa terra natal e á súa conexión con Portugal e Cabo Verde, a súa querencia e influencia da música lusa na súa propia.
Luís Pastor chega á Rebullón xunto a Lourdes Guerra, artista con quen deu vida ao novo disco e con quen comparte unha sensibilidade acústica e emocional que levan ao directo. E ademais, tamén subirá ao escenario Uxía, a “gran dama da música galega”, unha voz do Atlántico con moito camiño percorrido na renovación da música galega e na súa conexión coas culturas lusófonas.
Uxía e Lourdes Guerra acompañarán a Luís Pastor nun concerto que promete ser inolvidable para o público. Este domingo, 3 de maio, ás 18:30 horas, na sala Rebullón.
A sala Rebullón
Xestionada pola Comunidade de Montes de Tameiga, a sala Rebullón converteuse nunha referencia para os espectáculos escénicos e musicais en Galicia desde a súa inauguración no ano 2017. Desde entón, alzouse con dous premios Martín Códax da Música á mellor sala de concertos, no 2023 e no 2025, segundo a votación dos socios e socias de Músicas ao Vivo.
A Rebullón é un proxecto cultural centrado fundamentalmente nos concertos, pero no que tamén se programan sesións de cinema, danza ou teatro, conferencias, actividades infantís ou presentacións de libros. A súa versatilidade é unha das principais características deste espazo, configurado e definido por técnicos profesionais para lograr unha acústica e funcionalidade apta para acoller ao mellor da escena cultural galega.
A Comunidade de Montes de Tameiga
A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tameiga (Mos) é unha entidade sen ánimo de lucro conformada por máis de 400 familias que xestiona actualmente 90 hectáreas de superficie forestal veciñal para conseguir beneficios medioambientais, sociais
e económicos para a poboación. O seu obxectivo principal é a defensa e protección do patrimonio común.
Xestiona os recursos acuíferos do territorio en beneficio da veciñanza comuneira e dispón dunha comunidade enerxética que reparte 350 pedidos anuais de 3 m3 de biomasa cada un, a prezo de custe. Ademais, a entidade é titular dun viveiro de empresas e do polígono industrial de Monte Faquiña, con 20 naves industriais, que conta con instalacións fotovoltaicas que permiten un autoconsumo individual, abaratando os custes de produción
e mellorando a competitividade das empresas.
Por outra banda, a Comunidade de Montes de Tameiga desenvolve unha intensa actividade sociocultural, a través da organización do festival infantil Miúdo Fest e da programación do Centro Sociocultural As Pedriñas e da Sala Rebullón. Tamén colabora con organizacións deportivas, educativas e sociais do municipio.
En cumprimiento do disposto na Lei Protección de Datos, para o exercicio dos seus dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ao tratamento dos seus datos personais, contidos nas nosas condicións de protección de datos, só ten que responder a este e-mail indicando o seu email no asunto, ou ben a través do envío de un correo ordinario a la dirección: Avd. Rebullón 23. Se desexa darse de baixa tamén pode premer aquí.