O sábado, VILLAGERS OF IOANNINA CITY
Villagers of Ioannina City (VIC) é unha das bandas líderes da célebre escena do heavy rock grego. Formada en 2007 en Ioannina, destaca pola súa fusión de heavy psicodélico e stoner rock coa música folclórica tradicional da rexión do Epiro, combinando a instrumentación eléctrica con instrumentos de vento tradicionais como o clarinete, o kaval e a gaita.
A banda acadou o éxito na escena musical grega co seu álbum debut, Riza (2014). Porén, foi Age of Aquarius (2019) o que lles valeu o recoñecemento internacional de público e crítica. A súa visión singular xerou comparacións con formacións da talla de Tool e Black Sabbath.
En vivo son aínda mellores. Tras actuar en importantes festivais de rock e esgotar entradas en numerosos concertos por Grecia e Europa, os seus shows son coñecidos pola súa impresionante produción e enerxía. Agora, chegan á Sala Rebullón como parte do tour "Venceremos" de 2026.
Villagers of Ioannina City subirán ao escenario da Rebullón este sábado 28 a partir das 21:30 horas, con entradas desde 22 euros en anticipada, á venda online.
|
|
|
|
|
|
|
E o domingo, PEDRO PASTOR e ZAVALA
A fin de semana conclúe ben en alto coas actuacións do madrileño Pedro Pastor e os galegos Zavala. Pedro Pastor presentará en directo "10 años locos descalzos", un disco espectacular co que celebra unha década de carreira.
Para a elaboración do disco, Pedro Pastor contou con colaboracións de artistas da talle de Silvio Rodríguez, Rozalén e El Kanka. Dez anos de grandes cancións gañando seguidores por todo o planeta cunha sensibilidade e tamén unhas gañas de baile cos ritmos de música latinoamericana cos que contaxia.
Xunto a el, o domingo a Rebullón recibirá a Zavala, un proxecto galego innovador e moderno liderado por unha fantástica voz feminina, que mira de fronte ás novas texturas sonoras e se caracteriza por mesturar os aspectos máis orgánicos e melódicos da música con bases electrónicas.
Zavala crea sons contemporáneos, pero con matices ás veces do tradicional. Unha fórmula que valeulles ser finalistas dos Martín Códax da Música 2025 e gañadores do programa Enfoco 2025 da Fundación SGAE. Un estimulante encontro entre a electrónica, os instrumentos orgánicos, os xogos a catro voces melódicas en primeiro termo e elementos do tradicional, spoken word e cuasi rap.
O dobre concerto de Pedro Pastor e Zavala terá lugar na Rebullón este domingo 29, a partir das 18:30 horas, con entradas desde 20 € en anticipada, 25 na billeteira, á venda online e na cantina do CSCD As Pedriñas.
|
|
|
|
|
Xestionada pola Comunidade de Montes de Tameiga, a sala Rebullón converteuse nunha referencia para os espectáculos escénicos e musicais en Galicia desde a súa inauguración no ano 2017. Desde entón, alzouse con dous premios Martín Códax da Música á mellor sala de concertos, no 2023 e no 2025, segundo a votación dos socios e socias de Músicas ao Vivo.
A Rebullón é un proxecto cultural centrado fundamentalmente nos concertos, pero no que tamén se programan sesións de cinema, danza ou teatro, conferencias, actividades infantís ou presentacións de libros. A súa versatilidade é unha das principais características deste espazo, configurado e definido por técnicos profesionais para lograr unha acústica e funcionalidade apta para acoller ao mellor da escena cultural galega.
A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tameiga (Mos) é unha entidade sen ánimo de lucro conformada por máis de 400 familias que xestiona actualmente 90 hectáreas de superficie forestal veciñal para conseguir beneficios medioambientais, sociais e económicos para a poboación. O seu obxectivo principal é a defensa e protección do patrimonio común.
Xestiona os recursos acuíferos do territorio en beneficio da veciñanza comuneira e dispón dunha comunidade enerxética que reparte 350 pedidos anuais de 3 m3 de biomasa cada un, a prezo de custe. Ademais, a entidade é titular dun viveiro de empresas e do polígono industrial de Monte Faquiña, con 20 naves industriais, que conta con instalacións fotovoltaicas que permiten un autoconsumo individual, abaratando os custes de produción e mellorando a competitividade das empresas.
Por outra banda, a Comunidade de Montes de Tameiga desenvolve unha intensa actividade sociocultural, a través da organización do festival infantil Miúdo Fest e da programación do Centro Sociocultural As Pedriñas e da Sala Rebullón. Tamén colabora con organizacións deportivas, educativas e sociais do municipio.
|
|