logosMonteSala.png

GOOD GOD! este xoves nos Solpores da Rebullón: unha homenaxe á música negra

      • A banda promete ofrecer “un berro de reivindicación da música negra no seu máis puro estado”, cun repertorio soul, disco e funk
     
      • GOOD GOD! porá a bailar ao público dos Solpores mañá xoves 30, ás 21 horas, con acceso polo sistema de billeteira inversa

Mos, 29 de xullo de 2026.- O ciclo estival dos Solpores da Rebullón chega ao ecuador cunha “reivindicación da música negra no seu máis puro estado”. GOOD GOD! encherá o escenario exterior de soul, funk e disco para poñer a bailar o público, mañá xoves 30, a partir das 21 horas, coma sempre, con acceso polo sistema de billeteira inversa. 
 
GOOD GOD! é un proxecto enérxico e contundente. De feito, a formación tomou o seu nome da expresión hímnica por excelencia exclamada polo padriño do soul, James Brown, que traducido significaría “Deus santo!”. 
 
O cuarteto está liderado polo compositor, cantante e guitarrista galaicoalemán Abel Trigó, un músico curtido no jazz que conta cunha destacada traxectoria en programas de radio e televisión (como El Intermedio), en Big Bands e con colaborando con artistas como Martha High, a inconfundible corista de James Brown. Actualmente, é músico residente nos clubs máis recoñecidos clubs de Madrid (o Café Berlín e Recoletos Jazz Club).
 
Para este proxecto, Trigó reuníu a tres talentosos músicos afincados en Galicia: Pedro Gregorio aos teclados, Lucas Fernández ao baixo e Roi Adrio á batería. Os catro conforman GOOD GOD!, unha experiencia fresca e irrebatible, todo enerxía e calor, cen por cen funk & groove. 
 
O grupo guiará ao público da Rebullón por un repertorio do máis variado, tocando estilos funk, soul e disco, interpretando temas dos maestros Al Green, Curtis Mayfield ou James Brown. Co seu mix de enerxía e repertorio, GOOD GOD! converte a música en dinamita, na que é imposible reprimir as ganas de bailar. 

GOOD GOD!

Solpores da Rebullón
Este ano, a Comunidade de Montes de Tameiga fai medrar os Solpores da Rebullón, o tradicional ciclo estival de concertos ao aire libre, a última hora da tarde, no exterior do centro sociocultural As Pedriñas, con acceso por billeteira inversa.
 
Once citas, trece grupos distintos de todos os estilos durante os meses de xullo e agosto, con directos todas as semanas, sempre en pleno solpor. Un plan perfecto para gozar da mellor música nun entorno idóneo. A continuación, o programa completo deste verán:
 
    • ⁠Mércores, 1 de xullo: JAY & THE SMOKING MACHINES
    • ⁠Xoves, 9 de xullo: AMARAMAR
    • ⁠Mércores, 15 de xullo: ZAPOITXO!
    • Xoves, 16 de xullo: FILLOAS
    • ⁠Xoves, 23 de xullo: KARMA ANIMAL + 6LE
    • ⁠Xoves, 30 de xullo: GOOD GOD!
    • ⁠Xoves, 6 de agosto: LENI PEREZ & SEKADRA
    • ⁠Mércores, 12 de agosto: ECLIPSOUND
    • Xoves, 13 de agosto: CHOP CHOP
    • ⁠Xoves, 20 de agosto: EXERIA
    • Xoves, 27 de agosto: DO ROXO PRESBIÇIAN. 
 
A sala Rebullón
Xestionada pola Comunidade de Montes de Tameiga, a sala Rebullón converteuse nunha referencia para os espectáculos escénicos e musicais en Galicia desde a súa inauguración no ano 2017. Desde entón, alzouse con dous premios Martín Códax da Música á mellor sala de concertos, no 2023 e no 2025, segundo a votación dos socios e socias de Músicas ao Vivo.  
 
A Rebullón é un proxecto cultural centrado fundamentalmente nos concertos, pero no que tamén se programan sesións de cinema, danza ou teatro, conferencias, actividades infantís ou presentacións de libros. A súa  versatilidade é unha das principais características deste espazo, configurado e definido por técnicos profesionais para lograr unha acústica e funcionalidade apta para acoller ao mellor da escena cultural galega.
 
A Comunidade de Montes de Tameiga
A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tameiga (Mos) é unha entidade sen ánimo de lucro conformada por máis de 400 familias que xestiona actualmente 90 hectáreas de superficie forestal veciñal para conseguir beneficios medioambientais, sociais e económicos para a poboación. O seu obxectivo principal é a defensa e protección do patrimonio común.  
 
Xestiona os recursos acuíferos do territorio en beneficio da veciñanza comuneira e dispón dunha comunidade enerxética que reparte 350 pedidos anuais de 3 m3 de biomasa cada un, a prezo de custe. Ademais, a entidade é titular dun viveiro de empresas e do polígono industrial de Monte Faquiña, con 20 naves industriais, que conta con instalacións fotovoltaicas que permiten un autoconsumo individual, abaratando os custes de produción e mellorando a competitividade das empresas.
 
Por outra banda, a Comunidade de Montes de Tameiga desenvolve unha intensa actividade sociocultural, a través da organización do festival infantil Miúdo Fest e da programación do Centro Sociocultural As Pedriñas e da Sala Rebullón. Tamén colabora con organizacións deportivas, educativas e sociais do municipio.