logosMonteSala.png

Este sábado, festival gratuíto con tres grupos e os mellores temas do rock e do metal

  • Fuss, Wilson’s Band e Blasphemous: triplo concerto, tres grupos de versións co mellor do rock e do metal. Este sábado 23, ás 18 horas, con entrada de balde, e con DJ Limo para poñer o fin de festa.

Mos, 20 de maio de 2026.- A Sala Rebullón celebra este sábado un minifestival gratuíto para gozar cos mellores temas da historia do rock e do metal. Tres bandas especializadas en versións, Fuss, Wilson’s Band e Blasphemous, elevarán os decibelios da sala este sábado 23, desde as 18 horas, e con acceso completamente de balde. 
 
FUSS ofrece as mellores versións do rock das mans e voz de cinco músicos con traxectoria e un directo enérxico. O repertorio (desde Blur ata Ramones, Muse, Led Zeppelin, Nirvana ou Foo Fighters, entre moitos outros) móvese por todas as épocas e estilos do rock (grunge, metal, pop-rock, hard rock), con cancións sobradamente coñecidas por todo o público, perfectas para cantalas a pleno pulmón. 
 
O grupo defende melodías icónicas de bandas tamén icónicas, como Audioslave, Kings of Leon, The Police, Incubus, Soundgarden, System of a Down, Pearl Jam, Radiohead ou AC/DC. Unha banda para vivir en primeira persoa os mellores temas do rock. 
 
Xunto a eles, BLASPHEMOUS, un proxecto creado por cinco amigos unidos polo metal e polas jam sessions do Morrazo. O ano pasado decidiron crear unha banda de covers pouco convencional, xa que interpretan desde éxitos de bandas do metal máis clásico (Sepultura, Slayer, Kreator, Testament) ata o máis extremo (Napalm Death, Behemoth, Marduk, Death).
 
O grupo é dunha solvencia contrastada. Blasphemous incorpora a membros e ex membros procedentes doutras bandas da escena metaleira nacional, cunha ampla traxectoria e dilatada experiencia no directo. En definitiva, músicos que achegarán un plus de calidade e enerxía metal ao concerto do sábado. 
 
En terceiro lugar, súmase ao evento WILSON’S BAND. Trátase dun proxecto recente, con pouco máis dun ano de traxectoria, pero moita rodaxe por escenarios galegos, froito dunha calidade musical que non pasa desapercibida. 
 
De feito, os de Ponteareas veñen de gañar no 2025 o concurso Talento Xove, cunha proposta centrada nas versións dos clásicos do rock, desde unha perspectiva ampla. Wilson’s Band revisita melodías icónicas do xénero que todo o mundo coñece, desde o rock dos anos 70 ata o dos 2000s, tanto rock en inglés como en español. 
 
En definitiva, unha tarde noite do sábado para gozar na Sala Rebullón, con tres grupos cos que cantar os clásicos do rock e do metal, as cancións que pasaron á historia e forman parte xa da nosa memoria colectiva. O concerto, este sábado 23 de maio, desde as 18 horas, e con acceso completamente de balde. 
                           FUSS (arriba) BLASPHEMOUS (abaixo)                         
WILSON’S BAND

A sala Rebullón
Xestionada pola Comunidade de Montes de Tameiga, a sala Rebullón converteuse nunha referencia para os espectáculos escénicos e musicais en Galicia desde a súa inauguración no ano 2017. Desde entón, alzouse con dous premios Martín Códax da Música á mellor sala de concertos, no 2023 e no 2025, segundo a votación dos socios e socias de Músicas ao Vivo.  
 
A Rebullón é un proxecto cultural centrado fundamentalmente nos concertos, pero no que tamén se programan sesións de cinema, danza ou teatro, conferencias, actividades infantís ou presentacións de libros. A súa  versatilidade é unha das principais características deste espazo, configurado e definido por técnicos profesionais para lograr unha acústica e funcionalidade apta para acoller ao mellor da escena cultural galega.
 
A Comunidade de Montes de Tameiga
A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tameiga (Mos) é unha entidade sen ánimo de lucro conformada por máis de 400 familias que xestiona actualmente 90 hectáreas de superficie forestal veciñal para conseguir beneficios medioambientais, sociais e económicos para a poboación. O seu obxectivo principal é a defensa e protección do patrimonio común.  
 
Xestiona os recursos acuíferos do territorio en beneficio da veciñanza comuneira e dispón dunha comunidade enerxética que reparte 350 pedidos anuais de 3 m3 de biomasa cada un, a prezo de custe. Ademais, a entidade é titular dun viveiro de empresas e do polígono industrial de Monte Faquiña, con 20 naves industriais, que conta con instalacións fotovoltaicas que permiten un autoconsumo individual, abaratando os custes de produción e mellorando a competitividade das empresas.
 
Por outra banda, a Comunidade de Montes de Tameiga desenvolve unha intensa actividade sociocultural, a través da organización do festival infantil Miúdo Fest e da programación do Centro Sociocultural As Pedriñas e da Sala Rebullón. Tamén colabora con organizacións deportivas, educativas e sociais do municipio.