Induction, o novo impulso do power metal europeo, este venres na Rebullón
A formación alemá presenta este venres 4 ás 20:30 h o seu novo traballo, “Love Kills!”, acompañada por Eleven e Unchosen Ones.
E este domingo 6, a XLIII Festa do Monte con inchables, xantar popular e as actuacións de Os Mangacarballos e Karaoke Experience
Mos, 2 de setembro de 2026.- Induction é unha das formacións máis destacadas do power metal que emerxe en Europa. A banda atópase nun momento especialmente relevante da súa traxectoria, con novo disco, unha xira por media Europa e só tres paradas en España: Madrid, Valladolid e este venres 4, na Sala Rebullón, ás 20:30 horas.
Induction destaca polo seu metal melódico, potente e épico, aberto tamén a influencias progresivas. Desta forma, os alemáns conquistaron rapidamente a público e crítica, labraron a pulso unha importante base de fans e unha traxectoria ascendente que culmina con “Love Kills!”, o seu novo álbum, co que dá continuidade á proxección internacional iniciada con “Born from Fire”.
A progresión de Induction recibiu un importante recoñecemento en 2022, cando a revista especializada Rock Hard a distinguiu como “Power Metal Rising Star of the Year”. O ascenso da formación tamén foi seguido pola televisión pública alemá SWR, que realizou un documental sobre a súa evolución e o seu crecemento dentro da escena europea. De feito, a banda compartiu escenario con nomes como Stratovarius, Sonata Arctica, Battle Beast, Gamma Ray e Accept.
A banda está integrada por Gabriele Gozzi á voz, Justus Sahlman e Tim Hansen (fillo de Kai Hansen —referente histórico de Helloween e Gamma Ray—) ás guitarras, Dominik Gusch ao baixo e Markus “Maks” Felber á batería. Coa súa combinación de potencia, virtuosismo instrumental e melodías épicas, Induction ofrece unha experiencia especialmente atractiva para o público afeccionado ao power metal, ao metal melódico e aos directos contundentes.
E non chegan sós. O grupo alemá Induction actuará xunto a Eleven e Unchosen Ones, conformando unha noite de venres imperdible para o público seguidor do mellor metal emerxente. O concerto, este venres 4 ás 20:30 horas, con entradas desde 18 € máis gastos en anticipada (23 € na billeteira) á venda online e no Pub Transylvania e no Honky Tonk.
E o domingo 6, a Festa do Monte
O primeiro domingo de setembro é unha data marcada en vermello na Comunidade de Montes de Tameiga. A Festa do Monte acada este domingo 6 a súa cuadraxésimo terceira edición convertida nun día de confraternidade, música en directo, xantar popular e actividades infantís. Todo, con acceso de balde.
Coma sempre, a festa terá lugar no CSCD As Pedriñas, cunha programación que inclúe inchables para peques, o tradicional xantar popular con porco ao espeto e sesión vermú ás 13 horas co animado directo de Os Mangacarballos, música tradicional galega con repertorio popular baseado en gaita, percusión e voces.
Despois do xantar, a xornada prosegue ás 17 horas con Karaoke Experience, que ofrece ás persoas asistentes a oportunidade de cantar os seus temas favoritos co acompañamento dunha banda en directo. Un fin de festa idóneo para continuar celebrando o papel de Tameiga e da veciñanza comuneira como un espazo de participación colectiva, de creación de comunidade e coidado do patrimonio natural.
A sala Rebullón
Xestionada pola Comunidade de Montes de Tameiga, a sala Rebullón converteuse nunha referencia para os espectáculos escénicos e musicais en Galicia desde a súa inauguración no ano 2017. Desde entón, alzouse con dous premios Martín Códax da Música á mellor sala de concertos, no 2023 e no 2025, segundo a votación dos socios e socias de Músicas ao Vivo.
A Rebullón é un proxecto cultural centrado fundamentalmente nos concertos, pero no que tamén se programan sesións de cinema, danza ou teatro, conferencias, actividades infantís ou presentacións de libros. A súa versatilidade é unha das principais características deste espazo, configurado e definido por técnicos profesionais para lograr unha acústica e funcionalidade apta para acoller ao mellor da escena cultural galega.
A Comunidade de Montes de Tameiga
A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tameiga (Mos) é unha entidade sen ánimo de lucro conformada por máis de 400 familias que xestiona actualmente 90 hectáreas de superficie forestal veciñal para conseguir beneficios medioambientais, sociais
e económicos para a poboación. O seu obxectivo principal é a defensa e protección do patrimonio común.
Xestiona os recursos acuíferos do territorio en beneficio da veciñanza comuneira e dispón dunha comunidade enerxética que reparte 350 pedidos anuais de 3 m3 de biomasa cada un, a prezo de custe. Ademais, a entidade é titular dun viveiro de empresas e do polígono industrial de Monte Faquiña, con 20 naves industriais, que conta con instalacións fotovoltaicas que permiten un autoconsumo individual, abaratando os custes de produción
e mellorando a competitividade das empresas.
Por outra banda, a Comunidade de Montes de Tameiga desenvolve unha intensa actividade sociocultural, a través da organización do festival infantil Miúdo Fest e da programación do Centro Sociocultural As Pedriñas e da Sala Rebullón. Tamén colabora con organizacións deportivas, educativas e sociais do municipio.
En cumprimiento do disposto na Lei Protección de Datos, para o exercicio dos seus dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ao tratamento dos seus datos personais, contidos nas nosas condicións de protección de datos, só ten que responder a este e-mail indicando o seu email no asunto, ou ben a través do envío de un correo ordinario a la dirección: Avd. Rebullón 23. Se desexa darse de baixa tamén pode premer aquí.