O último espectáculo audiovisual de Cantometrics, este sábado na Rebullón
• Con “Efémeras”, o grupo percorre a Galicia dos anos vinte, reinterpretando a ollada de Ruth Matilda Anderson con imaxes e cancións creadas ad hoc para este proxecto
• A cita, este sábado 3 de outubro, ás 21 horas con entradas a 10 €
• Ademais, o domingo 4, a partir das 19 h, TOC, TOC, a comedia teatral máis obsesiva e divertida
Mos, 30 de setembro de 2026.- Este sábado, Cantometrics presenta na Rebullón o seu traballo “Efémeras”, un orixinal e ambicioso proxecto interdisciplinar que traslada ao público á Galicia de principios do século XX. O espectáculo –parte do ciclo de concertos en salas Ducia e Pico– terá lugar este sábado, 3 de outubro, ás 21 horas, con entradas desde 10 euros, á venda online.
Cunha ollada contemporánea e experimental sobre o patrimonio de tradición oral, o grupo inspírase no valioso legado fotográfico e nos diarios de viaxe da estadounidense Ruth Matilda Anderson por Galicia. A partir das súas imaxes, a artista Coral Piñeiro creou pezas de vídeo que se reproducen á vez que se interpreta en directo a música composta especificamente para este espectáculo.
As pezas visuais e as musicais inspíranse no concepto estético da fotógrafa, reflectido nos seus focos principais: os retratos, os oficios, o traxe tradicional e a paisaxe. Todo o espectáculo apóiase na lectura dos textos dos diarios de viaxe que Anderson publicou co título “Gallegan Provinces: Pontevedra. La Coruña”, que á súa vez determinan o estilo debuxado das pezas de vídeo, a modo de pequenos diarios de campo.
Estreado no 2025, “Efémeras” aposta pola interdisciplinariedade nas artes, conxugando fotografía con videocreación, palabra e música, conseguindo un traballo final fermoso e moi especial que afonda de xeito exhaustivo nun dos arquivos máis completos que temos para entender a realidade galega de comezos do século pasado.
Este traballo tomou o relevo do seu primeiro debú discográfico, de 2023, titulado “Cantometrics” en homenaxe ao método de análise que o musicólogo estadounidense Alan Lomax desenvolveu para estudar as músicas de raíz, no que relacionaba elementos musicais do canto coas características da sociedade que cantaba.
Cantometrics é un proxecto formado por cinco músicas galegas cunha ampla traxectoria en diferentes estilos, desde a música clásica e académica ata a tradicional, o folk ou a electrónica. Marina Vigo (gaita), Luís Bolón (zanfona e percusións), Sandra Pérez (láminas e percusións), Nébeda Piñeiro (voz e pandeireta) e Fran Trashorras (acordeón) compaxinan a súa actividade artística en grupos como Sondeseu, Néboa ou Budiño coa docencia musical en varias escolas e conservatorios.
O domingo, teatro
Ao día seguinte, a Sala Rebullón acolle unha representación teatral moi divertida que foi levada ao cine, “TOC, TOC. A comedia máis obsesiva”, a cargo da Asociación de Mulleres de Moaña e dentro do ciclo teatral FEGATEA, que regresa a Tameiga este outubro.
Na obra, un grupo de pacientes con trastorno obsesivo compulsivo coinciden na sala de espera dun gran psicólogo. O médico retrásase por un problema co seu avión, polo que todos terán que agardar xuntos, intentando manter a raia as súas manías, impulsos, obsesións e rituáis.
“TOC, TOC.” vaise representar na sala Rebullón este domingo 4, ás 19 horas, con billeteira inversa, un sistema no que o público accede de balde e abona á saída o importe que considere axeitado polo espectáculo que vén de presenciar.
A sala Rebullón
Xestionada pola Comunidade de Montes de Tameiga, a sala Rebullón converteuse nunha referencia para os espectáculos escénicos e musicais en Galicia desde a súa inauguración no ano 2017. Desde entón, alzouse con dous premios Martín Códax da Música á mellor sala de concertos, no 2023 e no 2025, segundo a votación dos socios e socias de Músicas ao Vivo.
A Rebullón é un proxecto cultural centrado fundamentalmente nos concertos, pero no que tamén se programan sesións de cinema, danza ou teatro, conferencias, actividades infantís ou presentacións de libros. A súa versatilidade é unha das principais características deste espazo, configurado e definido por técnicos profesionais para lograr unha acústica e funcionalidade apta para acoller ao mellor da escena cultural galega.
A Comunidade de Montes de Tameiga
A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tameiga (Mos) é unha entidade sen ánimo de lucro conformada por máis de 400 familias que xestiona actualmente 90 hectáreas de superficie forestal veciñal para conseguir beneficios medioambientais, sociais
e económicos para a poboación. O seu obxectivo principal é a defensa e protección do patrimonio común.
Xestiona os recursos acuíferos do territorio en beneficio da veciñanza comuneira e dispón dunha comunidade enerxética que reparte 350 pedidos anuais de 3 m3 de biomasa cada un, a prezo de custe. Ademais, a entidade é titular dun viveiro de empresas e do polígono industrial de Monte Faquiña, con 20 naves industriais, que conta con instalacións fotovoltaicas que permiten un autoconsumo individual, abaratando os custes de produción
e mellorando a competitividade das empresas.
Por outra banda, a Comunidade de Montes de Tameiga desenvolve unha intensa actividade sociocultural, a través da organización do festival infantil Miúdo Fest e da programación do Centro Sociocultural As Pedriñas e da Sala Rebullón. Tamén colabora con organizacións deportivas, educativas e sociais do municipio.
En cumprimiento do disposto na Lei Protección de Datos, para o exercicio dos seus dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ao tratamento dos seus datos personais, contidos nas nosas condicións de protección de datos, só ten que responder a este e-mail indicando o seu email no asunto, ou ben a través do envío de un correo ordinario a la dirección: Avd. Rebullón 23. Se desexa darse de baixa tamén pode premer aquí.