Corenta e dez FEST
Ao día seguinte, o sábado 25, a Sala Rebullón acolle unha celebración moi especial. Diego Lestrato cumpre medio século e Lestrato Rock celebrao cun festival de rock na mellor compañía e con tres grupos no escenario.
A edición de Mos do Corenta e dez FEST chegará coa música dos ourensáns Distances Sisters, os aragoneses The Kleejoss Band e os lusos The Bateleurs. A festa dará comezo o sábado 25 ás 21 horas, con entradas desde 20 euros, á venda online e na cantina do CSCD As Pedriñas.
Distances Sisters consolidouse como un grupo de blues rock imprescindible en Galicia. Formadas durante a pandemia, comezaron a traballar os seus temas favoritos de maneira remota, compartindo a súa música en redes sociais. Agora, o cuarteto feminino está en pleno proceso de gravación do seu primeiro e esperado traballo discográfico. Coa súa autenticidade e talento, as Sisters prometen unha actuación cargada de emoción e raíces bluseras.
The Bateleurs é unha banda de Lisboa que vén presentar «A Price For My Soul», o seu novo single co que se aferran ás súas raíces blues-rock con agallas, calidade e un profundo sentido de propósito. Lanzado en xuño, este último sinxelo ofrece un adianto cru e evocador do seu novo álbum «A Lixeiro In The Darkness», publicado este mes. A banda canaliza o espírito do blues-rock británico e estadounidense de principios dos 70, engadindo un toque moderno e dinámico que sente á vez reverente e refrescantemente orixinal.
The Kleejoss Band acaban de cumprir dez anos xirando por salas, escenarios e cidades, acadando sen dúbida a súa madurez musical, tal e como demostraron no seu concerto de celebración do seu aniversario. O grupo conseguíu varios premios da música aragonesa ao mellor grupo, mellor directo ou mellor disco.
|
|
E o domingo, teatro
A Rebullón é máis que música e o domingo 26, ás 19 horas, programa para o seu público o espectáculo de teatro Silencio!, de Atrezo Teatro, con acceso polo sistema de billeteira inversa.
O nome e a sinopse da obra deixa ben ás claras a súa temática: “Se cada vez que queremos saír das normas, do que dicta a moral, se nos ordena SILENCIO. Se os que supostamente teñen que coidarnos, protexernos nos fan trampas e ordenan SILENCIO. Se facemos caso e calamos, so quedará o SILENCIO… ROMPAMOS O SILENCIO”.
|
|
A Sala Rebullón
Xestionada pola Comunidade de Montes de Tameiga, a Sala Rebullón converteuse nunha referencia para os espectáculos escénicos e musicais en Galicia desde a súa inauguración no ano 2017. Desde entón, alzouse con dous premios Martín Códax da Música á mellor sala de concertos, no 2023 e no 2025, segundo a votación dos socios e socias de Músicas ao Vivo.
A Rebullón é un proxecto cultural centrado fundamentalmente nos concertos, pero no que tamén se programan sesións de cinema, danza ou teatro, conferencias, actividades infantís ou presentacións de libros. A súa versatilidade é unha das principais características deste espazo, configurado e definido por técnicos profesionais para lograr unha acústica e funcionalidade apta para acoller ao mellor da escena cultural galega.
A Comunidade de Montes de Tameiga
A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tameiga (Mos) é unha entidade sen ánimo de lucro conformada por máis de 400 familias que xestiona actualmente 90 hectáreas de superficie forestal veciñal para conseguir beneficios medioambientais, sociais e económicos para a poboación. O seu obxectivo principal é a defensa e protección do patrimonio común.
Xestiona os recursos acuíferos do territorio en beneficio da veciñanza comuneira e dispón dunha comunidade enerxética que reparte 350 pedidos anuais de 3 m3 de biomasa cada un, a prezo de custe. Ademais, a entidade é titular dun viveiro de empresas e do polígono industrial de Monte Faquiña, con 20 naves industriais, que conta con instalacións fotovoltaicas que permiten un autoconsumo individual, abaratando os custes de produción e mellorando a competitividade das empresas.
Por outra banda, a Comunidade de Montes de Tameiga desenvolve unha intensa actividade sociocultural, a través da organización do festival infantil Miúdo Fest e da programación do Centro Sociocultural As Pedriñas e da Sala Rebullón. Tamén colabora con organizacións deportivas, educativas e sociais do municipio.
|
|
|
|