logosMonteSala.png

Sesión vermú, xantar popular e concertos para todas as idades na IX Romaría Aniversario da Sala Rebullón
 

  • Este sábado 16, a Comunidade de Montes de Tameiga celebra no nove anos de éxito da Rebullón, cunha xornada para gozar en comunidade.
     
  • Sesión vermú a cargo de Filloas, xantar popular e, pola tarde, música en vivo para a cativada con Peter Punk, Cé Orquestra Pantasma e A banda de Balbina.
     
  • Á noite, a festa trasládase á sala Rebullón: desde só 12 euros, actuacións en directo de El Nido, Guezos e fin de festa co DJ  Chega na Hora

Mos, 14 de maio de 2026.- Como xa é habitual, a CMVMC de Tameiga celebra o aniversario da Sala Rebullón cunha xornada aberta á comunidade, un día enteiro de festa, con música para a cativada, xantar popular e concertos de noite na rematar a romaría. 
 
Será no CSCD As Pedriñas este sábado, 16 de maio, a partir das 13 horas. Será entón cando comece a sesión vermú da man de Filloas, que chega en formato showcase ao escenario exterior e cun novo EP baixo o brazo que presentará no aniversario. Filloas é un artista de pop urbano en galego que destaca pola súa proposta bailable e enérxica cun son que se move entre o tecno, o pop, o punk e a electrónica. Filloas demostrará por que é unha das sensacións da música galega recente. 
 
A continuación, dará comezo o xantar popular co tradicional porco ao espeto (con bocadillos por só catro euros) e de tarde, a partir das 17 horas, unha das principais novidades do aniversario deste ano. Tameiga integra neste evento dous espectáculos para público infantil e familiar do Miúdo Fest, o festival para persoas de mediana estatura que chega xa á décima edición. 
 
Así, tamén no escenario exterior das Pedriñas, e con acceso de balde, ás 17 horas actuará Peter Punk. É un dos artistas máis recoñecidos polo seu estilo irreverente e próximo, sempre combinando xogos, acrobacias e gags musicais nun espectáculo cheo de ritmo e interacción constante co público
 
Ás 18 horas, Cé Orquestra Pantasma, o proxecto unipersoal do vigués César Freiria, músico autodidacta e apaixonado dos instrumentos, que leva anos percorrendo a xeografía galega con máis de cento cincuenta concertos anuais nos mellores festivais e festas do país. No seu espectáculo, este “home orquestra” repasa toda a música popular —desde a tradicional ata o punk— nun repertorio versátil e cheo de referencias, capaz de animar tanto a cativada como ás persoas adultas cunha posta en escena única.
 
Ás 19 horas, A Banda da Balbina achegará a súa mestura de música popular con arranxos frescos e festivos. O grupo traballa cun cancioneiro propio no que se entrelazan o humor, o espírito de festa e unha sonoridade moderna, pensada para que o público poida gozar, bailar e cantar xunto á banda.
 
Así remata a programación de tarde e tamén as actividades de balde no escenario de exterior das Pedriñas. Pola noite, a festa pasa ao interior, á Sala Rebullón, con tres artistas desde só 12 euros na venda online e na billeteira para bailar e pechar a romaría por todo o alto. 
 
El Nido presentará a súa proposta de folk contemporáneo, un universo sonoro entre a verbena moderna, a xota e a praza, no que a tradición dialoga cunha produción actual e coidada. Liderada polo vocalista Nacho Prado, a banda burgalesa constrúe cancións que falan da vida cotiá e das emocións humanas, cun directo moi expresivo no que a percusión, as cordas e os arranxos acústicos crean unha atmosfera potente e poética á vez.
 
Guezos achega desde Ourense un rock‑pop‑folk moi aberto, no que as melodías e harmonías propias do folk galego se mesturan coa forza do rock, a frescura do pop e ritmos que van da rumba ao reggae. Cun repertorio cheo de enerxía, o grupo enche de calor os corazóns do público e garante baile, coros e celebración colectiva arredor da nosa música. 
 
O peche da festa correrá a cargo de DJ Chega na hora, un habitual de prazas e festivais en Galicia e no norte de Portugal, onde leva a súa mestura de música tradicional, folc portugués e ritmos de raíz pensados para o baile. Co seu estilo festivo e popular, os seus sets convértense nunha sesión continua de danza comunitaria, perfecta para alongar a noite da Romaría entre muiñeiras, folclore e grooves.
 
 
A sala Rebullón
Xestionada pola Comunidade de Montes de Tameiga, a sala Rebullón converteuse nunha referencia para os espectáculos escénicos e musicais en Galicia desde a súa inauguración no ano 2017. Desde entón, alzouse con dous premios Martín Códax da Música á mellor sala de concertos, no 2023 e no 2025, segundo a votación dos socios e socias de Músicas ao Vivo.  
 
A Rebullón é un proxecto cultural centrado fundamentalmente nos concertos, pero no que tamén se programan sesións de cinema, danza ou teatro, conferencias, actividades infantís ou presentacións de libros. A súa  versatilidade é unha das principais características deste espazo, configurado e definido por técnicos profesionais para lograr unha acústica e funcionalidade apta para acoller ao mellor da escena cultural galega.
 
A Comunidade de Montes de Tameiga
A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tameiga (Mos) é unha entidade sen ánimo de lucro conformada por máis de 400 familias que xestiona actualmente 90 hectáreas de superficie forestal veciñal para conseguir beneficios medioambientais, sociais e económicos para a poboación. O seu obxectivo principal é a defensa e protección do patrimonio común.  
 
Xestiona os recursos acuíferos do territorio en beneficio da veciñanza comuneira e dispón dunha comunidade enerxética que reparte 350 pedidos anuais de 3 m3 de biomasa cada un, a prezo de custe. Ademais, a entidade é titular dun viveiro de empresas e do polígono industrial de Monte Faquiña, con 20 naves industriais, que conta con instalacións fotovoltaicas que permiten un autoconsumo individual, abaratando os custes de produción e mellorando a competitividade das empresas.
 
Por outra banda, a Comunidade de Montes de Tameiga desenvolve unha intensa actividade sociocultural, a través da organización do festival infantil Miúdo Fest e da programación do Centro Sociocultural As Pedriñas e da Sala Rebullón. Tamén colabora con organizacións deportivas, educativas e sociais do municipio.