Mos, 2 de outubro de 2024.- Este sábado 5, desde as 17 horas, a sala Rebullón acollerá a presentación en directo de “All-Stars”, o novo disco de colaboracións do porriñés Peter Petrowski, un evento único e seguramente irrepetible onde se xuntarán algunhas das voces máis importantes das músicas urbanas do país.
Con “All-Stars”, Petrowski celebra dez anos de produción musical. Falamos dun auténtico talento da música galega, produtor musical e técnico do son que dirixe un dos estudos de gravación máis prestixiosos da nosa terra. Pero ademais, o seu impacto no panorama musical galego é innegable: voz e beatmaker da banda de rap combativo Ezetaerre e colaborador de artistas como Mondra e Fillas de Cassandra, entre outros.
Este sábado, a presentación do disco comezará ás 18 horas e contará coa presenza de practicamente todas as colaboracións que participaron na gravación de “All-Stars”, unha gran xuntanza festiva que culminará Sapoconcho SemPoncho e que incluirá tamén algunhas sorpresas como anticipo.
|
|
Por exemplo, antes do concerto, ás 17 horas, a Rebullón acollerá a pre-estrea do documental “Seguimos en pé” sobre a celebración dos vinte anos da banda Dakidarría, cuxo cantante participa no novo disco de Petrowski.
Tras unha primeira proxección durante o festival Revenidas o pasado 13 de setembro, os do Val Miñor estrean esta peza audiovisual de 34 minutos, onde repasan a súa extensa carreira ao mesmo tempo que amosan o momento actual do grupo e da escena musical galega. Da man da produtora Arcadia Universe, o público poderá adentrarse no día a día de Dakidarría, unha banda punteira no panorama musical galego que leva tantos anos espallando a súa música e a súa mensaxe rebelde e inconformista arredor do mundo.
Pero hai máis. Ademais deste documental, outra colaboradora no novo traballo de Peter Petrowski, Nuria Vil, presentará a curta “Delincuente”, baseada no seu poema ao redor da historia obreira da cidade de Vigo. Dirixida por Alba Domínguez, Peter Petrowski asina a posprodución da banda sonora orixinal desta curta.
As entradas para a xornada do sábado xa están á venda, desde só cinco euros en anticipada, que se poden mercar online, ou oito euros na billeteira.
|
|
Este venres, Bairro Norte de balde
Antes, este mesmo venres ás 22 horas, un concerto diferente e especial. Por fondo e forma. Bairro Norte actuarán de balde na cantina do CSCD As Pedriñas, cun repertorio integramente en portugués.
Bairro Norte fai alusión á tradición dos bairros en Portugal. Nunha celebración das Marchas Populares a gran escala, Galicia sería, sen dúbida, o Bairro Norte. E con ese espírito, dende Galicia xurdiu este proxecto para compartir co público galego algúns temas representativos da tradición e o fado portugués, mais cun aire fresco e renovado.
O grupo nace da vontade de traer un repertorio plenamente en portugués aos escenarios galegos. Bairro Norte ofrece unha viaxe por algúns dos temas clásicos do cancioneiro portugués (como é o caso do Malmequer ou Vou dar de beber à dor (Mariquinhas)). Porén, tamén revisa algúns temas menos coñecidos, pero que cabe a pena destacar como é O meu é teu e pasando á súa vez por temas máis contemporáneos como o Seja Agora dos Deolinda. Todo revisado dende a frescura actual, mais combinado coa esencia, co minimalismo dunha formación composta por Alberto Romero (guitarra), MJ Pérez (guitarra e Voz) e Iván Bernárdez (baixo).
|
|
E o domingo, teatro de balde
Na súa vocación de ofrecer unha programación cultural diversa e estable, a sala Rebullón programa para este domingo 6, ás 19 horas, unha nova obra da compañía teatral O Trasno: “En Venda”. Como parte do ciclo teatral Fegatea, a entrada é de balde.
Con “En Venda”, a compañía presentará ao público unha comedia con denuncia social mais tamén inspiradora, que nos lembra que nunca é tarde para cumprir os nosos soños.
|
|
A Sala Rebullón
Xestionada pola Comunidade de Montes de Tameiga, a Sala Rebullón converteuse en só seis anos nunha referencia para os espectáculos escénicos e musicais en Galicia. Vén de alzarse co Premio Martín Códax da Música 2023 á mellor sala de concertos, segundo a votación dos socios e socias de Músicas ao Vivo.
A Rebullón é un proxecto cultural centrado fundamentalmente nos concertos, pero no que tamén se programan sesións de cinema, danza ou teatro, conferencias, actividades infantís ou presentacións de libros. A súa versatilidade é unha das principais características deste espazo, configurado e definido por técnicos profesionais para lograr unha acústica e funcionalidade apta para acoller ao mellor da escena cultural galega.
|
|
A Comunidade de Montes de Tameiga
A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tameiga (Mos) é unha entidade sen ánimo de lucro que aglutina a máis de 400 familias comuneiras e xestiona actualmente 90 hectáreas de superficie forestal para conseguir beneficios medioambientais, sociais, enerxécticos e económicos para a súa veciñanza. O seu obxectivo principal é a defensa e protección do patrimonio común.
Xestiona os recursos acuíferos do territorio en beneficio da veciñanza comuneira e dispón dunha comunidade enerxética que reparte 350 pedidos anuais de 3 m3 de biomasa cada un, a prezo de costo. Ademais, a entidade é titular dun viveiro de empresas e do polígono industrial de Monte Faquiña, con máis de 20 naves industriais, que conta con instalacións fotovoltaicas que permiten un autoconsumo individual, abaratando os costes de producción e mellorando a competitividade das empresas.
Por outra banda, a CMVMC de Tameiga desenvolve unha intensa actividade sociocultural, a través da organización do festival infantil Miúdo Fest e da programación do CSCD As Pedriñas e da Sala Rebullón. Tamén colabora con organizacións deportivas, educativas e sociais do municipio.
|
|
|
|