logosMonteSala.png

 Exeria, o equilibrio perfecto entre o rock de raíz e a exploración sonora, este xoves nos Solpores da Rebullón

  • O crecemento da banda culmina en “Todo é imposible” (2026), disco gravado con Nick Brine (productor de Coldplay, Bruce Springsteen, Oasis e moitos outros)
  • Gañadores de varios premios e elixidos por Sés para colaborar con ela, Exeria súbese ao escenario dos Solpores mañá xoves 20, co novo horario ás 20:30 horas

Mos, 19 de agosto de 2026.- Os Solpores da Rebullón achéganse á súa fin e, como parte da traca final, chega un dos proxectos galegos máis versátiles e de maior crecemento: Exeria, o equilibrio perfecto entre o decibelio e a metáfora, entre o rock de raíz e a exploración sonora.
 
Músicos experimentados formaron Exeria no 2021 para dar renda solta ás súas composicións sen etiquetas. E a banda consolidouse rápidamente grazas a unha xira de máis de vinte concertos e ao éxito de traballos como o seu EP “Sobre a independencia” (2024). No 2026, Exeria lanza “Todo é imposible”, elevando a súa aposta sonora cunha mestura de rock e hip-hop e cun padriño de excepción: Nick Brine, produtor que traballou con bandas como Oasis, Stereophonics, Brusce Springsteen e Coldplay, entre outras.
 
A súa traxectoria está trufada de éxitos. Gañadores do concurso Trece Roeis Fest,  segundo premio no III SalvaxeSons (The Wild Fest), finalistas no Rock in rian e Ondas Indies, e escollidos pola artista Sés –no programa EnFoco 25 da Fundacion SGAE– para colaborar con eles nun dos seus concertos.
 
En directo, Exeria xa amosou a súa valía en salas emblemáticas galegas como a Capitol, o Club Clavicembalo, a Fábrica de Chocolate ou o escenario do Festival Revoltallo, entre outros. 
 
A versatilidade de Exeria permítelles brillar tanto en festivais eléctricos como en formatos acústicos e íntimos. É o caso dos Solpores de Rebullón, que reciben a Exeria mañá xoves 20, co novo horario dos Solpores a partir das 20:30 horas, con entrada polo sistema de billeteira inversa. 

EXERIA

Solpores da Rebullón
Este ano, a Comunidade de Montes de Tameiga fai medrar os Solpores da Rebullón, o tradicional ciclo estival de concertos ao aire libre, a última hora da tarde, no exterior do centro sociocultural As Pedriñas, con acceso por billeteira inversa.
 
Once citas, trece grupos distintos de todos os estilos durante os meses de xullo e agosto, con directos todas as semanas, sempre en pleno solpor. Un plan perfecto para gozar da mellor música nun entorno idóneo. A continuación, o programa completo deste verán:
 
    • ⁠Mércores, 1 de xullo: JAY & THE SMOKING MACHINES
    • ⁠Xoves, 9 de xullo: AMARAMAR
    • ⁠Mércores, 15 de xullo: ZAPOITXO!
    • Xoves, 16 de xullo: FILLOAS
    • ⁠Xoves, 23 de xullo: KARMA ANIMAL + 6LE
    • ⁠Xoves, 30 de xullo: GOOD GOD!
    • ⁠Xoves, 6 de agosto: LENI PEREZ & SEKADRA
    • ⁠Mércores, 12 de agosto: ECLIPSE TOTAL
    • Xoves, 13 de agosto: CHOP CHOP
    • ⁠Xoves, 20 de agosto: EXERIA
    • Xoves, 27 de agosto: DO ROXO PRESBIÇIAN. 
 
A sala Rebullón
Xestionada pola Comunidade de Montes de Tameiga, a sala Rebullón converteuse nunha referencia para os espectáculos escénicos e musicais en Galicia desde a súa inauguración no ano 2017. Desde entón, alzouse con dous premios Martín Códax da Música á mellor sala de concertos, no 2023 e no 2025, segundo a votación dos socios e socias de Músicas ao Vivo.  
 
A Rebullón é un proxecto cultural centrado fundamentalmente nos concertos, pero no que tamén se programan sesións de cinema, danza ou teatro, conferencias, actividades infantís ou presentacións de libros. A súa  versatilidade é unha das principais características deste espazo, configurado e definido por técnicos profesionais para lograr unha acústica e funcionalidade apta para acoller ao mellor da escena cultural galega.
 
A Comunidade de Montes de Tameiga
A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tameiga (Mos) é unha entidade sen ánimo de lucro conformada por máis de 400 familias que xestiona actualmente 90 hectáreas de superficie forestal veciñal para conseguir beneficios medioambientais, sociais e económicos para a poboación. O seu obxectivo principal é a defensa e protección do patrimonio común.  
 
Xestiona os recursos acuíferos do territorio en beneficio da veciñanza comuneira e dispón dunha comunidade enerxética que reparte 350 pedidos anuais de 3 m3 de biomasa cada un, a prezo de custe. Ademais, a entidade é titular dun viveiro de empresas e do polígono industrial de Monte Faquiña, con 20 naves industriais, que conta con instalacións fotovoltaicas que permiten un autoconsumo individual, abaratando os custes de produción e mellorando a competitividade das empresas.
 
Por outra banda, a Comunidade de Montes de Tameiga desenvolve unha intensa actividade sociocultural, a través da organización do festival infantil Miúdo Fest e da programación do Centro Sociocultural As Pedriñas e da Sala Rebullón. Tamén colabora con organizacións deportivas, educativas e sociais do municipio.